martes, 26 de abril de 2011

11º TORNEO INTERNACIONAL NOVACAIXAGALICIA DE MINIBÁSQUET 2011 DO C.BC. SEIS DO NADAL - COIA

.

O Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia organizará nesta tempada 10/11 o XI Torneo Internacional Novacaixagalicia de Minibásquet 2011, unha cita anual do noso club coas categorías inferiores que se celebrará os próximos días 30 de abril e 1 de maio do 2011.

.

Este o noso Torneo de Minibásquet, un dos torneos con maior tradición e prestixio da comunidade galega, que cumpre xa a súa undécima edición, reunirá na fin de semana do 30 de abril e 1 de maio ás mellores canteiras de baloncesto da cidade de Vigo, da comunidade autónoma de Galicia e de Portugal, reunindo a máis de 400 deportistas e preto de 40 técnicos.

.

Nesta nova edición o torneo terá como marco dos encontros, un ano máis, os Baixos do Estadio Municipal de Balaídos, contando cun total de catro pistas nas que se xogarán 42 partidos ao longo das dúas xornadas.

.

Serán 24 equipos os que participarán na competición, 12 en categoría feminina que competirán o sábado 30 de abril, e outros tantos en categoría masculina que terán o seu turno de xogo o domingo 1 de maio.

.

Os clubs que participarán no torneo con dous equipos, un masculino e outro feminino, son o anfitrión Seis do Nadal, que participará con dous conxuntos en cada categoría, o Porriño Baloncesto Base, o Básquet Coruña e o Grupo Desportivo da Gafanha (Portugal). O cartel feminino o completarán o Maristas Celta (Vigo), Compañía de María (Vigo), Arxil (Pontevedra), R.C. Celta (Vigo), Pío XII (Santiago de Compostela), Cortegada (Vilagarcía de Arousa) e Carmelitas (Ourense). Os equipos do Col. Salesianos (Vigo), C.B. Tui, Compañía de María (Santiago de Compostela), Marín Peixegalego, O Meco (O Grove), BBC (Vilagarcía de Arousa) e o FC Porto (Oporto), completarán o cadro masculino.

.

Os doce equipos que participarán nesta nova edición en cada categoría buscarán revalidar o título que poseen nas súas mans o Maristas Celta e o C.B. Ferrol, campións feminino e masculino da pasada edición celebrada fai un ano. Ademaism dos 24 equipos participantes no torneo, un total de 15 equipos participarán na nova Liga FGB de Minibásquet que comezará a fin de semana do 7 e 8 de maio, polo que será unha importante cita de preparación de cara á competición autonómica.

..

O 11º Torneo Internacional Novacaixagalicia de Minibásquet conta co apoio de Novacaixagalicia, a Concellería de Deportes do Concello de Vigo, o Instituto Municipal de Deportes, a Fundación VIDE, a Secretaría Xeral para o Deporte así como a Federación Galega de Baloncesto. Ademais tamén conta coa colaboración de Coca-Cola e Alcampo.