Os equipos Alevín Masculino "A" e Alevín Feminino "A" do Club Baloncesto Seis do Nadal participaron o pasado domingo día 27 de setembro na I Copa Galicia Alevín FGB, competición celebrada na vila de O Porriño con motivo da celebración da Fase Final da Copa Galicia Senior Masculina desta tempada 2009/2010.
O cadro de equipos participantes deste torneo de categoría alevín masculina e feminina estivo conformado polos equipos máis representativos da Delegación Viguesa de Baloncesto. O Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, o Porriño Baloncesto Base, o C.B. Baiona e o Colexio Salesianos foron os equipos invitados nesta primeira edición do torneo.
En categoría masculina o Seis do Nadal "A" proclamouse campión do torneo despois de impoñerse na final ao equipo anfitrión Canteiras "A". No torneo feminino o encontro final foi disputado entre o Seis do Nadal "A" e o Canteiras "A", sendo o conxunto do Seis do Nadal o que conseguía a vitoria.
Os nosos equipos puideron vivir unha completa tarde deportiva e de convivencia de gran intesidade estando presentes na final da Copa Galicia Sénior Masculina 2009, partido que enfrontou ao Breogán Leche Río (Adecco Oro) e ao Obradoiro Xacobeo Blu:Sens (Liga ACB).









