Seguindo a liña de actuación no ámbito deportivo das pasadas campañas, o Club Baloncesto Seis do Nadal organizou novamente un ciclo de charlas técnicas formativas dirixidas a técnicos, adestradores e monitores no inicio da presente tempada 2009/2010.
O pasado sábado día 5 de setembro ás 17:00 horas no Colexio Seis do Nadal tivo lugar a terceria, e última, das xornadas deste ciclo formativo con dúas novas charlas.
Na primeira charla desta terceira xornada Pelayo Suárez, membro do corpo técnico e psicólogo do Celta Indepo así como psicólogo deportivo da Área Deportiva da Federación Galega de Baloncesto, explicou que é e cales son as funcións da psicoloxía deportiva, cales son as variables psicolóxicas de maior importancia que inflúen no deporte da canastra e como traballalas e reforzalas.
A segunda charla técnica foi impartida por Jorque Marqués, árbitro galego que acadou este ano a internacionaliade no baloncesto en cadeira de rodas, e abordou os erros máis comúns de regulamento que os adestradores e adestradoras cometen nos encontros durante a competición.
Esta terceira xornada, coa que se pechaba o ciclo de charlas formativas, dirixida a adestradores e adestradoras organizada polo Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, coa psicoloxía e o arbitraxe coma os contidos principais, tivo novamente unha gran aceptación e acollida, reunindo nas pistas do CEIP Seis do Nadal a 25 técnicos e adestradores.
Un ano máis o ciclo de charlas formativas para adestradores e adestradoras organizado polo Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia no inicio da campaña, remata conseguindo en cada unha das xornadas celebradas unha gran acollida e un gran éxito formativo para os asistentes ás mesmas.






