Seguindo a liña de actuación no ámbito deportivo das pasadas campañas deportivas, o Club Baloncesto Seis do Nadal organiza novamente un ciclo de charlas técnicas formativas dirixidas a técnicos, adestradores e monitores no inicio da presente tempada 2009/2010.
As dúas primeiras charlas deste novo ciclo de formación para adestradores tiveron lugar o pasado sábado 22 de agosto ás 17:00 horas no Colexio Seis do Nadal.
Nesta primeira xornada os técnicos e adestradores asistentes recibiron dúas accións de formación. Na primeira charla César Iglesias, adestrador actual do Beirasar Rosalía de LEB Plata, abordou os seus principais conceptos ofensivos no xogo por espazos, explicando a súa experiencia da pasada tempada 2008/2009.
A segunda charla impartida por Pablo Sánchez, Preparador Físico do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, versou sobre as funcións e o desarrollo da velocidade nas categorías de formación. Despois dunha introducción teórica á capacidade básica, Pablo Sánchez explicou de xeito práctico exercicios e actividades para traballar a velocidade e os seus tipos.
Esta primeira xornada do ciclo de charlas formativas para adestradores e adestradoras organizada polo Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, coa táctica ofensiva e a preparación física como contidos principais, tivo unha gran aceptación e acollida, reunindo nas pistas do CEIP Seis do Nadal a máis de 30 técnicos e adestradores.
En próximas actualizacións publicarase nesta páxina web a información da segunda das xornadas do ciclo de charlas formativas que terá lugar o próximo sábado 29 de agosto.












