jueves, 2 de abril de 2009

TODO LISTO PARA O SEGUNDO TORNEO INTERNACIONAL CADETE

O Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia presentou hoxe, mércores 1 de abril do 2009, na sede da Fundación Vigo en Deporte de xeito oficial o seu 2º Torneo Internacional Cadete "Coia, Núcleo de Baloncesto en Vigo".

Do vindeiro 10 ao 12 de abril celebrarase o torneo que, nos pavillóns do Colexio Seis do Nadal e do Colexio Eijo Garay, englobará a dezaoito equipos de catorce clubs galegos e portugueses, co que se reunirán máis douscentos xogadores e xogadoras participantes, ademais de ao redor de trinta técnicos e adestradores.

Tras o gran éxito da Primeira Edición da tempada 2007/08, con doce equipos en dúas categorías e dous días, a organización decidiuse este ano por ampliar as categorías e prolongar unha xornada máis de competición.

Na rolda de prensa, Sergio González, Director Deportivo do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, explicou que polas mañás xogaranse as fases previas de clasificación (grupos de tres equipos a unha soa volta) e polo serán, as finais polo primeiro (campións de cada grupo), terceiro e quinto posto; cun total de 27 partidos ao longo das tres xornadas.

A organización non quixo destacar a ningún equipo, “porque grazas a todos eles celébrase este torneo”, explicaba Sergio González, pero o campionato reunirá a equipos como o F.C. Porto, que repite un ano máis, ou o Básquet Coruña xunto ao resto de rivais, procedentes da cidade de Vigo, da comunidade autónoma e de Portugal.

Julio Rodríguez, Directivo do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, agradeceu o traballo de VIDE (o Seis do Nadal de Baloncesto pertence ao programa de Siareiros de Base da Fundación) e o apoio dos patrocinadores para que este campionato amigable sexa posible, aínda que “o torneo acomódase ao que podamos conseguir xa que o xestionamos co esforzo dos pais”, explicou.

Para rematar, o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia quixo amosar o seu apoio á Marcha Mundial pola Paz e a Non Violencia, que comeza o 2 de outubro en Nova Zelandia. Sonia Rey, membro da organización viguesa desta marcha, valorou o apoio deste Club de Baloncesto e destacou que “se move moito a nivel a social”. Laura Magdalena, xerente de VIDE, acompañou ao Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia na rolda de prensa.