jueves, 30 de octubre de 2008

O CLUB DO ADESTRADOR GALEGO XA ESTÁ EN MARCHA

 

A Federación Galega de Baloncesto, co apoio da Federación Española de Baloncesto, converteuse o pasado luns 27 de outubro na primeira federación autonómica en por en marcha o Club do Adestrador.

Nun acto celebrado en Santaigo, e coa presenza da Directora Xeral para o Deporte, Marta Souto, e do Director Deportivo da FEB, Ángel Palmi, o Presidente da Federación Galega de Baloncest, Francisco Martín, e os responsables deste proxecto dentro desta institución, Carlos Ferro e Diego Ocampo, deron o pistoletazo de saída a esta ferramenta virtual, pioneira no baloncesto autonómico.

A Directora xeral para o Deporte, Marta Souto, agradeceu o esforzo da Federación Galega de Baloncesto por "adaptarse continuamente aos novos tempos". Salientou ademais o traballo desta institución, "aliada coas novas tecnoloxías". Así mesmo, manifestou o seu desexo de que iniciativas como esta "se estendan ás diferentes federacións do noso país".

Pola súa banda, o director Deportivo da Federación Española de Baloncesto, Ángel Palmi, amosouse agradecido ao baloncesto galego por asumir este "punto de liderazgo" dentro do Baloncesto Español. Igualmente, Palmi salientou que o club do adestrador configura un "paso de calidade no campo da formación permanente do adestrador."

Os diferentes representantes da Federación Galega de Baloncesto remarcaron na presentación do Club do adestrador o seu desexo de converter este proxecto nunha ferramenta que sexa "de todos os adestradores e na que todos poidan contribuír".

Francisco Martín Micó, presidente da Federación Galega de Baloncesto, agradeceu o traballo de todos os seus colaboradores e a confianza depositada pola FEB no Baloncesto Galego. O seu homólogo estatal, José Luis Sáez, non puido estar presente no acto pero enviou unha mensaxe audiovisual na que lembrou a importancia dos adestradores como "pezas básicas deste deporte".

O Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia únese ao apoio deste novo Club do Adestrador invitando a tódolos seus adestradores, técnicos e monitores a formar parte deste novo proxecto, e colocando na páxina web un enlace directo a esta nova ferramenta virtual.