
Esta nova tempada 2008/09 a Dirección Deportiva ten preparadas novas iniciativas para tódolos membros do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia. Unha destas novas iniciativas é a organización e execución dunha "Semana de Adestramentos Libres" para tódolos xogadores e xogadoras da entidade.
Esta iniciativa é xa unha realidade e entre os días 18 e 22 de agosto, de 11:30 a 13:00 horas, no Colexio Eijo Garay se levarán a cabo estes adestramentos libres abertos a tódolos xogadores e xogadoras do club, a tódalas idades e categorías.
Durante esta semana de adestramentos libres se levará a cabo un traballo de perfeccionamento e de tecnificación dos fundamentos básicos do baloncesto dirixido por Sergio González, Director Deportivo do club. Haberá sesións de traballo de tiro, traballo de finalizacións, traballo de cambios de man, fintas, paradas e saídas, e traballo de técnica defensiva.
O obxectivo fundamental destes adestramentos libres é ofrecerlle a tódolos deportistas do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia a oportunidade de poder mellorar e perfeccionar nos aspectos técnicos do baloncesto nos cales teña menos dominio e coñecemento, así como ofrecer unha semana de adestramentos para os equipos que aínda non comezaron a pretempada, e unha semana de adestramentos técnicos complementarios a aqueles outros que xa están traballando.
Todos aqueles xogadores e xogadoras do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia interesados en participar nesta "Semana de Adestramentos Libres" poden apuntarse no correo electrónico baloncestoseisdonadalcoia@gmail.com e deixar o seu nome e apelidos, coa finalidade de poder preparar e planificar os adestramentos acorde ao número de participantes.
