jueves, 7 de agosto de 2008

PABLO SÁNCHEZ, NOVO PREPARADOR FÍSICO DO CLUB

Pablo Sánchez será o novo Preparador Físico do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia na próxima tempada 2008/09. Esta novedosa figura de traballo nace como unha nova iniciativa da Dirección Deportiva, ao analizar a necesidade e a importancia de adquirir uns hábitos de traballo relacionados coa preparación física por parte dos xogadores e xogadoras do club.

O obxectivo deste novo traballo de Preparación Física, levada a cabo baixo a coordinación e supervisión de Pablo Sánchez, é crear desde as categorías inferiores unha base física, motriz e psíquica universal e multifacética. Búscase proporcionarlle a tódolos xogadores e xogadoras do club unha ampla e variada cantidade de experiencias a nivel físico, motriz e psíquico.

 

A idea fundamental é que os rapaces e rapazas dominen cantos máis patróns motrices básicos mellor, xa que poderán ser deportistas máis completos e multifacéticos, e o máis importante é que comprenderán que é necesario o esforzo e o traballo diario para superarse e conseguir os obxectivos.

 

O traballo centrarase nos bloques de creación do esquema corporal, percepción corporal, percepción espacio-temporal, coordinación dinámica xeral, coordinación dinámica segmentaria, equilibrio,  e axilidade, nas categorías benxamín e alevín, onde, en cada sesión, o propio xogo vai a provocar un desenvolvemento armónico das capacidades físicas básicas propias da súa idade.

 

Nas categorías infantil, cadete, júnior e sénior o traballo irá dirixido maioritariamente á coordinación e ao desenvolvemente das capacidades físicas cun volume sempre acorde as idades e características específicas de cada grupo.

 

Pablo Sánchez, primeiro Preparador Físico do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia nos seus 25 anos de historia, será o encargado de organizar e planificar o traballo físico en cada categoría. Ademais, Pablo contará co apoio e coa colaboración de tódolos adestradores e adestradoras da entidade os cales levarán a cabo e desenvolverán as sesións diarias e as pautas de traballo marcadas para cada grupo.