Hoxe, mércores 20 de agosto do 2008, tivo lugar a terceira xornada da "Semana de Adestramentos Libres" organizada polo Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia no Colexio Eijo Garay desde o pasado luns 18 ata o próximo venres 22 de agosto, de 11:30 a 13:00 horas.
Durante a hora e media de duración desta terceira sesión os participantes no adestramento traballaron os cambios de man e continuaron perfeccionando a mecánica de tiro. Para a explicación e tecnificación dos cambios de man, os xogadores e xogadoras repasaron e aprenderon a correcta execución dos cambios de ritmo e os cambios de sentido.
Unha vez creada a base dos cambios de man, desde os máis pequenos ata os máis maiores, todos practicaron e realizaron cambios de man con diferentes saídas, con diferentes fintas e cunha gran variedade de fundamentos co obxectivo de crear un nutrido e variado repertorio de respostas ofensivas en tódolos rapaces e rapazas.
Continúan os adestramentos cunha media de 25 rapaces e rapazas en cada sesión da "Semana de Adestramentos Libres". Mañá, xoves 21 de agosto, o traballo será dirixido por Sergio González, Coordinador Deportivo do Club, e por Carlos Martínez, adestrador e Coordinador Deportivo do G.D. Gafanha (Portugal); e apoiado por adestradores do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia.










