Vigo ten esta fin de semana unha importantísima cita para o seu futuro na súa candidatura para a
Universiada de Verán 2013. Os seis membros da comisión avaliadora da Federación Internacional de Deportes Universitarios (FISU) visitarán a cidade do 17 ao 21 de abril para elaborar o informe polo cal se tomará a decisión de qué cidade albergará a Universiada 2013.
Máis de 5.000 bandeiras co lema "Estamos preparados - We are ready" adornarán durante estes días os balcóns vigueses para ofrecer a mellor imaxe posible á comisión avaliadora, mostrando o compromiso dos cidadáns coa candidatura, na primeira dunha serie de iniciativas que se van levar a cabo durante a visita dos membros da FISU.
A cidade de Vigo fai un chamamento á cidadanía, e o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia fai un chamamento a tódolos seus integrantes, para que se involucre na visita dos membros da FISU. Para recibir á comisión e para convencerlles de que en Vigo "Estamos preparados" para a Universiada 2013, o próximo sábado día 19 de abril ás 16:00 horas terá lugar na pista central do Pavillón das Travesas unha cerimonia de benvida con espectáculos, regalos de camisetas e outras moitas sorpresas.
¡Se aínda non tes bandeira, pasa pola Fundación VIDE e recolle unha! Non deixes pasar a oportunidade de apoiar a cidade nesta candidatura para a Universiada e súmate ao berro de "Estamos preparados".
