martes, 5 de febrero de 2008

O SEIS DO NADAL APOIA A CANDIDATURA DE VIGO PARA A UNIVERSIADA DE VERÁN 2013

A cidade de Vigo presentou oficialmente a súa candidatura para ser a próxima sede da Universiada de Verán 2013. A Universiada é un evento deportivo internacional e un festival cultural que se organiza cada dous anos nunha cidade distinta, e é o segundo evento en importancia despois dos Xogos Olímpicos. Na última Universiada celebrada en Bangkok (Tailandia) participaron máis de 9.000 deportistas de 151 países.

No longo camiño, a cidade olívica enfrontarase, polo momento, a Murcia, que xa se postulou como candidata en 2011 e opta de novo para ser designada oficialmente. Durante o 2008 ambas cidades descubrirán se son ou non elixidas, despois dun amplio proceso de selección e dunha dura competencia internacional.

Entre os días 5 e 6 de febreiro de 2008 visitará a cidade de Vigo unha representación da comisión técnica do Consello Superior de Deportes (CSD) a través do Comité Español de Deporte Universitario (CEDU). A comitiva avaliará as respostas do cuestionario obrigatorio entregado en decembro en Madrid para a candidatura ao tempo que comprobarán a calidade das instalacións deportivas existentes e previstas, as infraestruturas e a rede hoteleira.

Así o mércores 6 de febreiro do 2008 a partir das 17:00 horas celebrarase no Pavillón Municipal de As Travesas un acto no que máis de 1.000 deportistas de Vigo recibirán á Comisión Técnica do Comité Español de Deporte Universitario. Entre tódolos deportistas da cidade de Vigo que acudirán a este acto, haberá unha importante representación dos xogadores, xogadoras, adestradores e adestradoras dos equipos federados do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia.

O desenvolvemento deste proxecto para albergar a Universiada suporá para Vigo e a súa Universidade o incremento indiscutible no ámbito internacional e o aumento da práctica do deporte universitario, así como a mellora das súas infraestructuras e equipacións tanto públicas como privadas, ao tempo que servirá para impulsar os proxectos no sector turístico.

O Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia mostra todo o seu apoio á Cidade de Vigo para celebrar a Universiada de Verán 2013. Para amosar o noso respaldo o mércores 6 de febreiro asistiremos ao Pavillón Municipal de As Travesas ás 17:00 horas para apoiar a cidade e darlle a benvida ao Comité Español de Deporte Universitario.