viernes, 27 de enero de 2012

ARRANCAN EN NAVIA AS NOVAS EDICIÓNS DAS LIGAS INTERNAS DE COLEXIOS LINCO LINORSA 2012

(Tódolos participantes nas novas edicións das Ligas Linco 2012)

.

As Ligas Linco Linorsa regresan unha tempada máis ás pistas de Balaídos e Navia, pista esta última que foi a protagonista da posta en marcha, o pasado venres día 27 de xaneiro do 2012, destas competicións interescolares organizadas un ano máis polo Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia.

.

Os 18 equipos inscritos que xogarán nas dúas Ligas Internas de Colexios se deron cita no polideportivo de Navia para dar o pistoletazo de saída das competicións. Na 10ª Liga Interna de Colexios, dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 anos, participarán seis equipos benxamíns e seis equipos alevíns; participando seis combinados na 3ª Linco Linorsa XL, dirixida a rapaces e rapazas infantís e cadetes de 13 a 16 anos.

.

Con preto de 200 xogadores e xogadoras procedentes das diferentes escolas deportivas organizadas e dirixidas polo club Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia (CEIP Seis do Nadal, Illas Cíes, Javier Sensat, Pintor Laxeiro, Doutor Fléming, CPI Celso Emilio Ferreiro e as tres escolas deportivas municipais de Berbés, Balaídos e Navia), as Ligas Linco vivirán nesta nova tempada dúas novas edicións cun alto nivel de participación.

.

(Salto inicial dun dos partidos amigables xogados durante a xornada)

 

Esta xornada inicial de presentación tamén reuniu ao grupo de árbitros e oficiais de mesa das Ligas Linco, o maior grupo da historia das Ligas Linco, formado por máis de trinta xogadores e xogadoras integrantes dos equipos federados de categoría cadete e júnior do Seis do Nadal - Coia que aproveitarán as competicións interescolares para formarse como árbitros de baloncesto.

.

Esta primeira toma de contacto entre tódolos participantes das Ligas Linco Linorsa foi presenciada por D. Manel Fernández, Concelleiro de Deportes do Concello de Vigo, encargado de poñer o broche de ouro á xornada acompañando aos nenos e nenas na foto final que supuxo o inicio das ligas escolares.

.

(Manel Fernández, Concelleiro de Deportes, na inauguración das ligas)

.

A partir do próximo venres día 3 de febreiro dará comezo a competición oficial das Ligas Internas de Colexios. A primeira xornada da 10ª Liga Linco 2012 terá lugar no pavillón de Navia desde as 16:15 e ata as 18:00 horas, sendo a celebración dos primeiros partidos oficiais da 3ª Liga Linco XL no polideportivo de Balaídos de 18:00 a 19:00 horas.