sábado, 9 de julio de 2011

XOGADORAS E TÉCNICOS DO SEIS DO NADAL - COIA NOS XOGOS DO EIXO ATLÁNTICO 2011 EN MATOSINHOS

(As xogadoras do combinado vigués xunto aos seus adestradores)

.

O pasado luns 4 de xullo do 2011 comezaba en Matosinhos (Portugal) a novena edición dos Xogos do Eixo Atlántico nos que Vigo participa desde que se iniciaron no ano 1995.

.

As competicións remataron o pasado venres 8 de xullo cunha selección de Vigo que competiu a un gran nivel entre as 24 representacións, das cales doce eran de Galicia, que se deron cita nunhas instalacións deportivas moderans construídas na última década.

.

O equipo vigués de baloncesto feminino que disputou os Xogos do Eixo, formado por xogadoras do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia e Celta Bosco, foi dirixido por Jorge Martínez e Ignacio Sánchez, ambos técnicos da entidade de Coia, club que pertence ao programa de Escolas Deportivas Municipais do Concello de Vigo.

.

(As xogadoras de Vigo xunto a mascota dos Xogos do Eixo Atlántico)

.

O primeiro partido dos Xogos foi ante Sarria, encontro difícil por ser o primeiro a xogar do campionato e pola adaptación ao regulamento do campionato pero que rematou con vitoria para as nenas viguesas cun 50-23 a favor. No segundo partido ante Matosinhos o nivel das xogadoras foi subindo e se conseguiu unha nova vitoria por 43-14, rematando a primeira fase como primeiras de grupo.

.

No cruce de cuartos de final enfrontáronse a Lugo e xa cun xogo moito máis vistoso se conseguía a vitoria por 61-35 e o pase ao cruce de semifinais sendo un dos catro mellores equipos dos Xogos do Eixo Atlántico deste ano. O partido de semifinais ante o equipo portugués de Gaia foi o partido máis vibrante da competición xa que non se decidiu o combinado gañador ata o último momento. Co partido controlado polo equipo vigués que tiña cinco puntos de vantaxe e a falta de menos dun minuto para o final do encontro, unha serie de decisións arbitrais levaron o partido ao período extra no que dominou o combinado luso rematando 43-39 ao seu favor.

.

(Foto de equipo da selección de Vigo no Eixo Atlántico 2011)

.

O último dos encontros do conxunto de Vigo dirixido por Jorge Martínez e Ignacio Sánchez, foi ante Pontevedra na loita polo terceiro e cuarto posto da competición. Na loita polo bronce e despois da derrota en semifinais da xornada anterior, o equipo vigués conseguiu unha vitoria por cinco puntos de diferencia para rematar a súa andanza polos Xogos do Eixto Atlántico na terceira posición da clasificación final.