.
Unha tempada máis, e xa van tres, a Federación Galega de Baloncesto ofrece unha nova posibilidade de debater sobre a realidade actual do Baloncesto. Así, e en colaboración coa Universidade de A Coruña, convoca para o vindeiro día luns 28 de marzo do 2011 o III Congreso Galego de Baloncesto.
.
Na data sinalada, en Santiago de Compostela e co Hotel Eurostar San Lázaro como sede, reunirá a un importante carte de relatores, que encabezados polo actual Seleccionador Nacional Absoluto, Sergio Scariolo, e polo adestrador con máis encontros ACB nos seu haber, Aíto García Reneses, parlamentarán sobre a formación do xogador profesional.
.
Precisamente, será o adestrador italiano quen inicie (ás 09:45 horas) coa súa intervención este novo III Congreso Galego de Baloncesto. Scariolo abrirá a xornada de traballo cunha distendida charla debate sobre "o que un xogador precisa para converterse en profesional".
.
Acto seguido, e coa mesma liña temática, tomarán a palabra Carlos Colinas, director deportivo do C.D. Bosco e actual seleccionador Español feminino U19; e un represetante da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. O adestrador céltico falará sobre a súa dilatada experiencia no traballo coas xogadoras de base e coas xogadoras sénior, mentres que o representante da Secretaría Xeral exporá a situación do Baloncesto no ámbito do Deporte Escolar.
.
Finalmente, para pechar a quenda da mañá poderase desfrutar da intervención teórica de Aíto García Reneses. O madrileño, medalla de prata coa Selección Española en Pekín 2008, compartirá cos asistentes a súa ampla visión do proceso de crecemento dun xogador ata a súa chegada a profesional de elite. A charla de Aíto García levará por título "Como se sacan xogadores? Desde Andrés Jiménez a Ricky Rubio".
.
.
Tempo para o debate
.
O III Congreso Galego de Baloncesto traerá consigo tamén un oco para o debate e a posta en conxunto de impresións e ideas.
.
Este virá dado, xa en horario de tarde, e cunha mesa redonda da que formarán parte os propios Aíto e Colinas, xunto a destacados profesionais do baloncesto galego como o son Susana García Senra, adestradora axudante no Real Club Celta Indepo de Liga Feminina; Antonio Montero, profesor de Baloncesto na Facultade de Ciencias do Deporto da UDC; e Yago Casal, Director Deportivo da Federación Galega de Baloncesto. Todos eles tomarán a palabra nun foro de carácter aberto no que tamén poderá tomar parte o público asistente a este III Congreso.
.
Inscrición e participación
.
Coñecido o atractivo programa do III Congreso de Baloncesto, tódolos interesados en formalizar a súa inscrición no mesmo poderán facelo ata o vindeiro 25 de marzo achegando o preciso formulario de inscrición e o xustificante de ingreso da cota por mail (eventos@fegaba.com), ou por fax (981566066) á propia Federación Galega de Baloncesto.
.
A participación no congrseo terá un custo de 15 € para todos os que desexen asistir só a súa parte teórica, ou de 25 € para aquelas persoas (con límite de 50 prazas) que desexen formar parte, a maiores, dun xantar a compartir cos relatores.
.
Así mesmo, a asistencia completa a este III Congreso poderá validarse por 6 horas de formación continua para os alumnos da Escola Galega de Adestradores da Federación Galega de Balonceseto que se atopen realizando os cursos de nivel 1 e nivel 2.