(Na imaxe Laura Magdalena, xerente de Vide, xunto a Mar Lago, Francisca García e Sergio González; presidenta, secretaria e Director Deportivo do club)
.
As Ligas Linco Linorsa de baloncesto regresan unha tempada máis ás pista do polideportivo de Balaídos e, este ano como novidade, ao multiusos de Navia. Ambos torneos, organizados polo Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, patrocinados por Linorsa e apoiados pola Concellería de Deportes e VIDE, Coca-Cola, Larsa e Novacaixagalicia, comezan este venres día 28 de xaneiro ás 16:30 horas coa inauguración no novo pavillón de Navia.
.
Alí xogarán ata 19 equipos inscritos nas dúas competicións existentes, a IX Liga Intenra de Colexios, para nenos e nenas de 6 a 12 anos, e a II Linco Linorsa XL, para nenos e nenas de 13 a 16 anos. "Nestes anos xa pasaron máis de 1.000 nenos e nenas por esta competición", lembran desde o club. De feito, algúns compoñentes dos conxutnos infantís do Seis do Nadal que a tempada pasada xogaron o intersector feminino e a fase final do Campionato de España masculino, "saíron desta liga", di Sergio González, director deportivo do club.
.
Con estes dous campionatos interescolares, que non teñen gañadores porque non son competitivos senón participativos, "cubrimos as idades de nenos e nenas que tamén se seguen nas escolas deportivas municipais de Vigo", apunta Mar Lago, presidenta da entidade. O labor do Seis do Nadal é ímproba: esta tempada traballa cuns 300 nenos e nenas federados e igual cifra de non federados (escolas deportivas), con trinta adestradores a disposición das dúas novas xeracións.
.
Cun orzamento que supera os 100.000 euros, este é o primeiro gran evento que organiza o Seis do Nadal Coia no 2011, pero hai previstos outros tres máis ao longo da presente tempada, xa competitivos e todos eles internacionais: un benxamín (o Trofeo Cidade de Vigo), un cadete e infantil en Semanta Santa e a undécima edición do alevín en maio. A Lino 2011, con sete equipos benxamíns e seis alevíns (CEIP Seis do Nadal, Illas Cíes, Javier Sensat, Pintor Laxeiro, Doutor Fléming, Castelao, CPI Celso Emilio Ferreiro e as escolas deportivas municipais de Balaídos e Berbés), xogarase cada venres no pavillón de Navia, mentres que a Linco XL, con seis conxuntos das escolas municipais de Balaídos e do CD Alexandre Bóveda de Chapela, seguirá cada dous venres en Balaídos, o punto de partida das escolas municipais do Seis do Nadal.
.
As arbitraxes correrán a cargo dos xogadores federados da entidade "e xa houbo varios que finalmente se fixeron árbitros federados", subliña Sergio González. As Ligas Linco rematan en maio, coincidindo co fin de tempada das escolas deportivas municipais.
.
O C.Bc. Seis do Nadal - Coia é un dos clubs do programa Siareiros Base da Fundación Vide; e "é unha das nosas referencias deportivas polo seu gran traballo e porque tamén representan coma poucos os valores de VIDE", explica Laura Magdalena, directora xerente da fundación.