lunes, 3 de mayo de 2010

O MARISTAS CELTA CAMPIÓN FEMININO DO 10º TORNEO CAIXANOVA INTERNACIONAL DE MINIBÁSQUET

.

.

O pasadao sábado día 1 de maio do 2010 tivo lugar no Pavillón Municipal de Balaídos a xornada de categoría alevín feminina do 10º Torneo Internacional Caixanova de Minibásquet 2010 organizado polo Club Baloncesto Seis do Nadal, xornada na que o conxunto vigués Maristas Celta foi o equipo campión do torneo.

.

A xornada comezaba ás 10:30 horas cun total de 12 equipos de categoría alevín feminina procedentes da cidade de Vigo, de Galicia e de Portugal. Durante a mañá disputouse a fase de clasificación na que os primeiros clasificados de cada un dos catro grupos clasificábanse para as semifinais do torneo.

.

Os catro equipos que se clasificaron para as semifinais foron o Caixanova Seis do Nadal (Vigo), Maristas Celta (Vigo), Porriño Baloncesto Base (O Porriño) e C.B. Baiona (Baiona).

.

A semifinal que enfrontou ao Caixanova Seis do Nadal e ao Maristas Celta non se decidiu ata o final do encontro. Despois de que no primeiro tempo o Maristas Celta conseguira unha cómoda vantaxe superior aos dez puntos, o anfitrión do torneo non quería deixar escapar a súa posibilidade de clasificarse para a final do torneo e foi capaz de reducir a diferenza aos catro puntos nos últimos minutos do partido. O desenlace final do encontro inclinouse a favor do Maristas Celta conseguindo unha apretada vitoria por dous puntos (42-44).

.

O Porriño Baloncesto Base e o C.B. Baiona protagonizaron a outra semifinal da xornada, partido que tampouco se decidiu ata os seus últimos minutos posto que a iguladade estivo presente ao longo dos seis períodos. Foi o Porriño Baloncesto Base o equipo que conseguía nos últimos intres do encontro poñerse por diante no marcador (43-42) e asegurar así a súa praza na final do torneo.

.

A final feminina do 10º Torneo Internacional Caixanova 2010 de Minibásquet enfrontou, ante unha grada repleta de familiares, amigos e amigas, ao Porriño Baloncesto e ao Maristas Celta, equipos que amosaron na pista un gran xogo e unha gran intensidade ao longo de todo o encontro. O último período da final comezaba cunha pequena vantaxe de dous puntos a favor do Marsitas Celta, vantaxe que foi aumentando ao longo do sexto ata o resultado final 25-33 que proclamaba campión ao conxunto céltico.

.

.

.

.

.

.

.

.

.

No acto de clausura e na entrega de premios desta xornada do 10º Torneo Internacional Caixanova de Minibásquet 2010 estivo presente Jorge Santos, Director de Patrocinios Institucionais e Eventos de Caixanova; Xabier Alonso, Concelleiro de Deportes do Concello de Vigo; Mar Lago, Presidenta do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia; Francisca García, Secretaria do club; e Conchi Martíns e Adrián Sabido, directivos do Seis do Nadal.

.

O 10º Torneo Internacional Caixanova de Minibásquet conta co apoio de Caixanova, a Concellería de Deportes do Conello de Vigo, o Instituto Municipal dos Deportes, a Fundación VIDE e a Federación Galega de Baloncesto, ás que se lle suman as empresas Aguas de Mondariz, Alcampo, Coca-Cola, Dulcesol, Chumis, Eurobanan, Larsa, Centra Lechera Asturiana e Orbit.