lunes, 18 de enero de 2010

SEGUNDA XORNADA DE XOGO DO CAMPIONATO GALEGO DE SELECCIÓNS DE MINIBÁSQUET

O Campionato Galego de Seleccións Zonais en categoría minibásquet cumprimentou esta fin de semana dos días 16 e 17 de xaneiro a segunda e penúltima concentración de xogo.

As dúas xornadas de encontros, que se celebraron en Narón e Ares o sábado día 16 e na localidade de Tui, o domingo 17, deixaron establecidas dúas clasificacións que se decidirán de xeito definitivo no mes de febreiro.

Nos pavillóns de Narón e Ares competiron as seleccións das Delegacións de Santiago, Lugo e Ferrol. Pola outra banda, o domingo en Tui enfrontáronse os combinados vigueses xunto coas seleccións de Ourense, Arousa e A Coruña.

O Club Baloncesto Seis do Nadal estivo representado neste Campionato Galego de Seleccións Zonais por deportistas dos nosos conxuntos alevíns integrantes das Seleccións Viguesas.

Na Selección Zonal de Minibásquet Masculina, Borja Astray, xogador do Caixanova Seis do Nadal, adestrado por Carlos Rodríguez e Silvia Caíño, é un dos seus integrantes. Alicia Muñoz e Ángela Rodríguez, xogadoras do Caixanova Seis do Nadal, adestradas por Beatriz Vaquero, formaron parte do combinado vigués de categoría feminina.

Pódense consultar os resultados colleitados esta pasada fin de semana así como a clasificación rexistrada tras a segunda concentración en categoría Minibásquet Masculina pulsando aquí. Para acceder aos resultados e clasificacións acadados de categoría Minibásquet Feminina pulsar aquí.

Os vindeiros días 13 e 14 de febreiro do 2010 celebrarase a derradeira concentración na que se decidirán os vencedores e para a que chegan como líderes a Delegación de Vigo en categoría feminina e a Delegación de Ferrol en masculina.