domingo, 30 de agosto de 2009

NOVO ÉXITO DA 2ª XORNADA DO CICLO DE CHARLAS FORMATIVAS ORGANIZADO POLO NOSO CLUB

Seguindo a liña de actuación no ámbito deportivo das pasadas campañas deportivas, o Club Baloncesto Seis do Nadal está organizando novamente un ciclo de charlas técnicas formativas dirixidas a técnicos, adestradores e monitores no inicio da presente tempada 2009/2010.

O pasado sábado 22 de agosto ás 17:00 horas no Colexio Seis do Nadal tivo lugar a segunda das xornadas deste ciclo formativo con dúas novas charlas.

Na primeira charla desta segunda xornada Mónica Vázquez, fisioterapeuta e colaboradora do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, explicou as lesións máis comúns no baloncesto, os primeros auxilios a realizar na pista, e os vendaxes funcionais.

A segunda acción formativa foi impartida por Jaime Timiraos, adestrador do club Básquet Coruña e profesor dos Cursos de Adestrador de Nivel 1 e de Nivel 2, e abordou a metodoloxía do adestramento a través dunha breve introducción teórica e da posterior posta en práctica dunha sesión de adestramento cun dos nosos equipos do club.

Esta segunda xornada do ciclo de charlas formativas dirixida a adestradores e adestradoras organizada polo Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, coa fisioterapia e a metodoloxía coma os contidos principais, tivo novamente unha gran aceptación e acollida, reunindo nas pistas do CEIP Seis do Nadal ao redor de 25 técnicos e adestradores.

En próximas actualizacións publicarase nesta páxina web a información da terceira das xornadas do ciclo de charlas formativas que terá lugar o próximo sábado 5 de setembro.