O Cadete Masculino "A" do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, Mondariz Seis do Nadal, proclamouse, na tarde do martes 24 de marzo, campión da Liga Zonal DVB Cadete Masculina da presente campaña 2008/09.
O equipo adestrado e dirixido por Marcos Blanco conseguiu levarse a final ante o sólido equipo de Baiona Anfaco despois de dous partidos dunha gran igualdade e cargados de intensidade.
No partido de ida disputado no Pavillón Municipal de Baiona o resultado final 54-54 reflexaba a gran igualdade entre ambos conxuntos ao longo do partido. Foi no partido de volta, no Pavillón Municipal de Balaídos, cando o Mondariz Seis do Nadal conseguía unha vantaxe de 10 puntos no último cuarto do encontro (49-39), levándose deste xeito a medalla de ouro da Liga Zonal DVB.
Ao remate do partido de volta D. Alberte Zato, Presidente da Delegación Viguesa de Baloncesto e Vicepresidente da Federación Galega de Baloncesto, fixo entrega dos trofeos ao equipo subcampión e ao equipo campión da competición.
Este primeiro posto conseguido clasifica ao noso conxunto para a Copa FGB, competición na que participarán os equipos campións de cada Delegación e o equipo subcampión da Delegación á que pertence o equipo campión da Copa FGB da tempada pasada, neste caso da Delegación Viguesa.
O Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, quere darlle a noraboa ao equipo Cadete Masculino "A", Mondariz Seis do Nadal, pola súa constancia e dedicación no traballo ao longo desta tempada e quere desexarlle moita sorte na Copa FGB Cadete Masculina que comezará despois das vacacións de Semana Santa.







