Esta tempada 2008/09 o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia organizou por segundo ano consecutivo a Segunda Edición do Concurso de Postais de Nadal dirixido a tódolos xogadores de minibásquet de equipos federados e de escolas deportivas.
O concurso tivo unha grande acollida e resposta por parte dos xogadores e xogadoras das categorías benxamín e alevín, realizando e debuxando postais de Nadal de grande calidade e orixinalidade.
O obxectivo deste concurso é a elección da postal de Nadal que será a postal de felicitación que o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia empregará neste Nadal para desexarlle boas festas e un próspero aninovo a tódolos seus deportistas, adestradores, monitores, directivos, socios, patrocinadores, colaboradores, clubes de baloncesto, e a tódala gran familia que forma o Seis do Nadal.
O xurado deste 2º Concurso de Postais de Nadal foi o equipo Infantil Masculino "B". Este xurado foi elixido mediante un sorteo entre os equipos infantís, cadetes, júniors, séniors e o equipo de básquet adultos do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia.
Despois de seleccionar as oito postais finalistas, que estiveron publicadas durante toda a semana, entre as máis de oitenta que foron recibidas, o xurado decidiu que a postal gañadora do 2º Concurso de Postais de Nadal e que, polo tanto, será a postal de felicitación deste Nadal da entidade é a postal realizada por Claudia Pérez, xogadora do Alevín Feminino "A".
Desde a Xunta Directiva, a Dirección Deportiva e desde tódolos estamentos do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia queremos darlle a noraboa e felicitar a Claudia Pérez pero non nos queremos esquecer de felicitar e mostrar todo o noso agradecemento a tódolos participantes nesta segunda edición do concurso polo seu esforzo na elaboración da postal e pola súa orixinalidade nos motivos da mesma.

