sábado, 22 de noviembre de 2008

PREMIO Á MELLOR INICIATIVA EN DEPORTE ESCOLAR 2007/08 DA XUNTA DE GALICIA

 

O Deporte Galego pechará o próximo venres 28 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra a mellor tempada da súa historia, en resultados deportivos, coa celebración da gala dos Premios Nacionais do Deporte Galego 07/08 que organiza a Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral para o Deporte, e na que se premiará ás traxectorias máis destacadas nos diferentes ámbitos do noso deporte.

 

Un dos premios outorgados é o "Premio á mellor iniciativa en Deporte Escolar 2007/08" que neste ano foi concedido á Agrupación Deportiva Seis do Nadal - Coia, co Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia e o Club Balonmán Seis do Nadal - Coia como os principais impulsores deste galardón.

 

O Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia obtivo a coordinación das Escolas Deportivas Municipais de Vigo no ano 1998 e, desde entón, cada ano conseguiu maiores cifras de participación no que é considerado un dos principais pilares da estructura da entidade.

 

Na tempada 2007/08 máis de 200 escolares e un total de 7 escolas deportivas constituíron a realidade do Deporte Escolar do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia.

 

Ao mesmo tempo o club organiza ano tras ano a Liga Interna de Colexios (LINCO), competición interna para as Escolas Deportivas, así como a celebración de diversas concentracións escolares coa finalidade de ofrecerlle a tódolos deportistas das Escolas Deportivas xornadas deportivas e de convivencia.

 

Deste xeito, para o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, un dos dous principais clubs da Agrupación Deportiva Seis do Nadal - Coia, é todo unha honra a concesión do "Premio á mellor iniciativa en Deporte Escolar 2007/08", premio que de seguro remitirá máis forza para seguir mellorando e evolucionando neste ámbito.