martes, 19 de agosto de 2008

A SELECCIÓN ESPAÑOLA FEMININA CAE EN CUARTOS E REMATA QUINTA

Un parcial de 43-16 nos últimos 13 minutos de partido deixou á Selección Española Feminina sen as semifinais do Torneo Feminino dos Xogos Olímpicos de Beijing 2008. España controlou a Rusia durante os dous primeiros cuartos e gran parte do terceiro, pero no inicio do último cuarto, cunha Rusia moi efectiva, esfumáronse tódalas opcións de éxito para as xogadoras españolas (84-65).

Durante 25 minutos, o soño das semifinais foi posible. España xogaba rápido, defendía o rebote fronte as xogadores rusas e estaba imaxinativa e creativa en ataque. A partir do cuarto período, os brazos das xogadoras perderon forzas, os balóns caían da canastra ás mans das pívots rusas sen solución de continuidade e as tiradoras de Rusia remataban cos seus triples.

 

Desta forma, en menos de dez minutos, se pasou dunha vantaxe de oito puntos para o equipo español (41-49) a unha de once a favor de Rusia (70-59). Nese intre remataban as opcións de semifinais da Selección Feminina que durante a maior parte do encontro plantaron cara ás rusas.

O resultado final, 84-65, non fai xustiza ao baloncesto despregado polo equipo español durante boa parte do encontro, aínda que revela tamén ata qué punto se deixaron levar na segunda parte, que acabou cun parcial de 52-25 para as rusas, un total de case 30 puntos de vantaxe.

 

As españolas quedaron clasificadas no quinto lugar dos Xogos Olímpicos de Beijing ´08, igualando a súa mellor clasificación lograda nos Xogos de Barcelona, xa que non haberá loita entre o quinto e o oitavo lugar e é a selección que caeu en cuartos cun mellor balance de vitorias.

 

Os resultados dos demais partidos de cuartos de final foron:


RESULTADOS CUARTOS DE FINAL:

China 77 - Bielorrusia 62

Australia 79 - República Checa 46

USA 104 - Corea do Sur 60

Rusia 84 - España 65

SEMIFINAIS BALONCESTO FEMININO

(21 DE AGOSTO)

USA - Rusia

Australia - China