Hoxe, venres 22 de agosto do 2008, tivo lugar a quinta e última xornada da "Semana de Adestramentos Libres" organizada polo Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia no Colexio Eijo Garay ao longo desta semana desde o pasado luns 18 tódalas mañás de 11:30 a 13:00 horas.
Ao longo destas xornadas o traballo desenvolto, a cargo de Sergio González, Coordinador Deportivo do Seis do Nadal, centrouse na tecnificación e no perfeccionamento dos fundamentos individuais, especialmente o traballo da mecánica de tiro.
Nesta última sesión o traballo centrouse novamente na mecánica de tiro e na súa correcta execución. O tiro tras bote, o tiro tras pase e o tiro con oposición foron algunhas das variantes que realizaron e practicaron durante esta mañá tódolos participantes na "Semana de Adestramentos Libres".
Despois de realizar un balance e unha valoración desta nova iniciativa deportiva, o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia califica de moi positiva a actividade realizada durante tódalas mañás desta semana. Tódolos rapaces e rapazas tiveron a oportunidade de aproveitar dun complemento de formación ao seu aprendizaxe e ademais foi unha semana de sesións de adestramento para aqueles equipos que comezan a tempada 2008/09 no mes de setembro.









