A próxima fin de semana, 19 e 20 de xullo do 2008, celebrarase unha nova edición do Clinic de Baloncesto Deputación de Ourense para adestradores e adestradoras, coa presencia de Sam Vincent (adestrador principal dos Charlotte Bobcats da NBA durante a tempada 2007/08) no Pazo dos Deportes "Paco Paz" de Ourense.
Tras unha dilatada traxectoria como xogador na que foi Campión da NBA en 1986 cos míticos Boston Celtics de Larry Bird, iniciou unha longa carreira como adestrador ocupando postos de axudante en franquicias como Dallas Mavericks e na NBDL (Liga de Desenrolo da NBA) na que foi campión cos Fort Worth Flyers.
En Europa adestrou en Grecia e Holanda e destaca a súa presencia en varios países de África, onde permaneceu durante tres tempadas en Sudáfrica sendo seleccionador nacional ao igual que en Nixeria, país co que competiu nos Xogos Olímpicos de Atenas 2004.
Previo ao Clinic, do sábado 12 ao xoves 17 de xullo no Pazo dos Deportes "Paco Paz", existe a posibilidade de participar con Pepe Laso no Campus Elitexove na ensinanza da técnica e táctica individual mediante o desenvolvemento de exercicios e tareas de adestramento, charlas e coloquios cos adestradores asistentes nunha convivencia diaria ao longo dunha semana. Todo isto dentro da celebración dun campus con xoves xogadores para intentar transmitirlles o que se entede constitúe a base do xogo: aprender a xogar baloncesto individualmente.
Como novidade nesta edición celebrarase un campus de adestramento en colaboración coa Asociación de Baloncestistas Profesionais (ABP) dirixido por Pepe Laso e no que tomarán parte 15 xogadores de ACB - LEB, destinado á especialización e mellora técnica de xogadores de alto nivel. Este Campus ABP terá lugar do luns 21 ao venres 25 de xullo no Pazo dos Deportes "Paco Paz".
Para consultar os prezos, consultar e información e formalizar a inscrición podedes contactar no teléfono 988.247.021, mediante o fax 988.239.301, no correo electrónico deportes@depourense.es ou na páxina web www.clinicourense.com.


