martes, 22 de abril de 2008

GRAN XORNADA DE PARTIDOS AMISTOSOS DO C.B. SEIS DO NADAL E O FC PORTO

O pasado domingo 20 de abril do 2008 tivo lugar no Colexio Seis do Nadal unha xornada de partidos amistosos entre o FC Porto e o Club Baloncesto Seis do Nada - Coia organizada pola entidade viguesa.

 

Comezou esta xornada co partido amigable de categoría Benxamín Masculina (minis 98) entre o equipo do noso club, adestrado por Carlos Rodríguez e David Rodríguez, e o equipo do FC Porto. O resultado final deste encontro amosaba un 40-11 no marcador a favor do noso equipo, aínda que o realmente importante e que os deportistas fixeron novas amistades e coñeceron novas formas de practicar o baloncesto.

O seguinte partido enfrontaba ao noso equipo Alevín Masculino "B" (minis 97), adestrado por Sergio González e Pedro Sobral, e a o equipo da mesma categoría do FC Porto. Despois de cinco sextos de gran igualdade e dun alto nivel de baloncesto, o equipo local conseguiu despegarse do marcador acadando un resultado a favor de 53 a 38. Neste partido ademais dunha gran calidade deportiva e dunha espectacular grada animando aos seus, os deportistas puideron disfrutar dun gran ambiente de convivencia e de amistade ao longo de todo o xogo.

Xa pola tarde, a primeira hora disputouse o partido en categoría Infantil Masculina que enfrontaba ao Mondariz Seis do Nadal (Iniciados 94), adestrado por Nuria Gómez e Noelia Duarte, e ao equipo do FC Porto, equipo que foi campión absoluto de Portugal na tempada 2006/07, é campión da Asociación de Baloncesto de Porto na presente tempada 2007/08 e que ademais agora vai comezar o Campioanto de Portugal defendendo o título. O resultado deste econtro ao rematar o partido amosaba un abultado 30-99 a favor do equipo luso, conxunto cunha gran condición física e cunha gran calidade técnico-táctica.

Para rematar a xornada de partidos amistosos organizada polo Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, disputouse o partido que enfrontaba ao noso Júnior Masculino "B" formada na súa gran maioría por xogadores de primeiro ano, adestrado por Sergio González e Carlos Rodríguez, contra o equipo Cadete Masculino "A" do FC Porto, equipo campión da Asociación de Baloncesto de Porto na presente tempada 2007/08 e primeiro clasificado da Zona Norte do Campionato Nacional con nove partidos xogados. A gran igualdade de ambos equipos e a intensidade coa que os xogadores saliron a pista fixo que chegados os últimos segundos do úlitmo cuarto o marcador reflexara un 73-73. Xa na prórroga o equipo do Seis do Nadal conseguiu despegarse no marcador e chegar a un resultado final de 84-77.

Unha gran xornada de partidos amistosos fronte ao FC Porto que decorreu durante todo o domingo, fixo que as gradas do Colexio Seis do Nadal estivesen sempre cheas á hora dos encontros. Familiares, amigos/as, adestradores/as e toda a familia que forma o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia non perdeu a oportunidade de poder ver xogar nas súas pistas a un dos equipos de maior importancia e calidade no país veciño.