O pasado domingo día 27 de xaneiro do 2008 celebrouse no Colexio Seis do Nadal o acto de Presentación Oficial do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia nesta tempada 2007-2008 na que a entidade conmemora o seus "25 Anos de Historia".
Máis de 400 deportistas déronse cita nesta Presentación Oficial nas instalacións do Colexio Seis do Nadal; máis de 250 xogadores e xogadoras de equipos federados e arredor de 200 rapaces e rapazas das escolas deportivas. Esta cifra fai do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia o Club coa maior canteira da cidade de Vigo e cunha das mellores canteiras da comunidade.
Cada equipo federado e cada escola deportiva foi presentado aos asistentes do acto e aos medios de comunicación a través dun desfile dos xogadores e xogadoras que compoñen cada equipo e dunha foto de equipo oficial do 25 aniversario do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia.
Unha vez presentados cada un dos equipos tivo lugar a apertura da tempada 2007-08 neste ano no que se celebra o 25 aniversario da entidade. Foi o turno das intervencións dos dirixentes da entidade e das autoridades que acompañaron ao noso club. Abría o acto D. José Jesús Outeiral Míguez, Presidente do Club Baloncesto Seis do Nadal Coia; e seguían no uso da palabra D. Francisco Xavier Alonso Pérez; Concelleiro de Deportes do Concello de Vigo; D. Alberto Zato y Gómez de Liaño, Vicepresidente da Federación Galega de Baloncesto e Presidente da Delegación Viguesa de Baloncesto; D. Aalí-Salem Mohamed Aalí-Mulud, Presidente Honorífico do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia; pechando as intervencións D. Sergio González Larrañaga, Director Deportivo do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia. Tamén asistiu ao acto Dna. Olga Outón, Secretaria Provincial da Consellería de Cultura e Deportes.
Cunha grada chea de familiares, amigos e colaboradores, o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia pechaba o acto de apertura da tempada 2007-08 e de Presentación da entidade cunha gran foto de grupo con tódolos deportistas, monitores e adestradores que conforman esta gran familia que é o Seis do Nadal, que ano tras ano segue medrando e conseguindo cifras históricas a nivel deportivo.
Xa está dispoñible no Álbum de Fotos da páxina web do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia unha ampla reportaxe de fotografías da Presentación Oficial: fotos de equipo, fotos de adestradores e adestradoras, fotos do desfile, fotos de grupo e moitas outras.






































