miércoles, 12 de septiembre de 2007

DIARIO DE BREIXO DESDE MADRID NO EUROBASKET 2007

 
Hoxe recibimos un correo electrónico de Brexio Solla desde Madrid, adestrador do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia que está vivindo o Eurobasket 2007 como voluntario en primeira persoa.
 
Cóntanos que na praza de Colón, onde traballa de voluntario, hai stands de cada un dos patrocinadores do Eurobasket, e en cada un deles se organiza un concurso do deporte da canastra que normalmente é de tiro ou de habilidades básicas. Na pista central da praza de Colón, que é onde está o persoal da organización, prepáranse campionatos de tiros, triples, 4 contra 4 e habilidades técnicas. Ás 19:00 horas da tarde chega un equipo de streetball contratado por ToroXL e realiza fascinantes e sorprendentes exhibicións e partidos.
 
Destaca a visita de Richard Nguema, futura estrela do Real Madrid, ao Básquet Square na praza de Colón. Tamén son constantes as visitas de figuras relacionados co mundo do baloncesto, xogadores, adestradores, directivos, ... E nos próximos días acudirán á praza de Colón os xogadores do Fuenlabrada para a próxima campaña.
 
A partir de mañá comezará a asistir aos partidos do Eurobasket xa que as acreditacións dos voluntarios do Basquet Square soamente permiten a entrada aos partidos de cuartos de final, semifinais e á agardada final.
 
Breixo destaca esta experiencia como unha vivencia impresionante e inesquecible. Está a coñecer a moitísima xente, ten a posibilidade de coñecer a cidade xa que polas mañás visita cada rincón de Madrid, e ademais todo rodeado dun ambiente plenamente baloncestístico. Desde Vigo agardamos máis información desta a túa vivencia.