jueves, 26 de abril de 2012

AS MELLORES CANTEIRAS DE GALICIA E PORTUGAL NO 12º TORNEO INTERNACIONAL DE MINIBÁSQUET

(De esquerda a dereita: Susana Román, directiva do club; Sergio González, director deportivo da entidade; Manel Fernández, concelleiro de deportes do Concello de Vigo; e Julio Rodríguez, directivo do Seis do Nadal)

.

O Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia non para e organiza nesta ponte de maio o 12º Torneo Internacional de Minibásquet "Coia, Núcleo de Baloncesto en Vigo". Esta é unha cita anual da entidade coas categorías inferiores que se celebrará os días 29 de abril (torneo feminino) e 1 de maio (torneo masculino).

.

Este evento reunirá ás mellores canteiras do baloncesto de Galicia e de Portugal, xuntando a máis de 400 deportistas e preto de 40 ténicos na Polideportiva de Balaídos, contando cun total de catro pistas nas que se disputarán 42 encontros ao longo das dúas xornadas.

.

Serán 24 equipos que participarán na competición, unha ducia en categoría feminina competindo o domingo 29, e o mesmo número na masculina para o festivo do martes día 1 de maio. Ambas categorías terán como marco dos encontros, un ano máis, os Baixos do Estadio Municipal de Balaídos.

..

Os clubs que participarán no torneo con dous equipos, un masculino e outro feminino, son o anfitrión Seis do Nadal, o Colexio Salesianos (Vigo), o Porriño Baloncesto Base, o Marín Peixegalego, o Pío XII (Santiago de Compostela), o Baiona e o Básquet de Leça (Portugal). O cartel feminino será completado polo Celta Bosco (Vigo), Arxil (Pontevedra), Cluny (Santiago de Compostela) e Carmelitas (Ourense). Os equipos O Meco (O Grove), Básquet Coruña, COB Ourense e o Beira-Mar Básquet (Portugal) pechan o cadro masculino.

 

Os doce equipos que participarán nesta nova edición en cada categoría buscarán revalidar os dous títulos que xa posúen o Carmelitas de Ourense e o FC Porto, campións feminino e masculino da pasada edición. Ademais a meirande parte dos equipos galegos terán a oportunidade de preparar a súa participación na Liga FGB de Minibásquet que comeza a fin de semana do 5 e 6 de maio.

 

O concelleiro de Deportes e tamén presidente de VIDE, Manel Fernández, promocionou o pasado martes 24 o evento cos directivos do Seis do Nadal, Julio Rodríguez e Susana Román, e mailo director deportivo da entidade, Sergio González. Para o concelleiro, a política deportiva do Concello de Vigo é clara: "Apostamos pola base e sabemos do traballo destes clubs, moi importante no tecido deportivo local".

..

O 12º Torneo Internacional de Minibásquet 2012 conta co apoio da Concellería de Deportes do Concello de Vigo, o Instituto Municipal de Deportes, a Fundación Vigo en Deporte, a Secretaría Xeral para o Deporte, a Diputación de Pontevedra, a Federación Galega de Baloncesto, e conta coa colaboración de Coca-Cola.