lunes, 14 de noviembre de 2011

NOVA VITORIA PARA O GRUPO SÉNIOR MASCULINO AUTONÓMICO QUE CONTINÚA LÍDER DA LIGA 2ª DIVISIÓN

(Xogadores do Seis do Nadal defendendo unha das accións de O Meco)

..

SEIS DO NADAL - COIA (Vigo) 56

..

C.B. O MECO (O Grove) 51

.

O Sénior Masculino Autonómico do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia conseguiu unha nova vitoria o pasado sábado día 12 de novembro no pavillón municipal de Navia, no partido correspondente á sexta das xornadas da Liga 2ª División Sénior Masculina 2011/12 que enfrontaba ao noso conxunto e ao C.B. O Meco de O Grove.

.

O noso conxunto afrontaba esta sexta xornada sendo líder da competición e coa intención de continuar con esa condición unha xornada máis. E así foi, ao remate dos corenta minutos do encontro, o Seis do Nadal Coia conseguía unha nova vitoria e manterse unha semana máis no primeiro posto da liga.

.

(Loita por un rebote entre os xogadores sénior de ambos conxuntos)

.

Despois dos primeiros minutos do partido, no que ámbolos dous conxuntos intercambiaron canastras, o equipo do Seis do Nadal lograba unha mínima vantaxe grazas a dúas triplas anotadas ao final do primeiro dos períodos (17-12). No segundo cuarto o acerto de cara ao aro de O Meco, xunto a falta de accións ofensivas positivas do combinado local, colocaba por primeira vez no partido ao equipo rival por riba no marcador, chegando ao descanso cun 24-27 e con todo aínda por decidir.

.

Os xogadores do C.B. Seis do Nadal - Coia non querían ser sorprendidos na súa casa e no terceiro período recortaron a vantaxe e incluso se achegaron aos dez puntos de diferenza (45-36). Unha tripla do equipo visitante marcou o comezo do último período do encontro, período no que a falta de dous minutos o equipo local soamente mantiña unha vantaxe de tres puntos.

 

Nos últimos minutos do partido ambos equipos anotaron cunha gran facilidade e intercambiaron triplas e canastras ata chegar a última posesión en mans dos xogadores de O Meco e cun marcador que reflexaba un 54-51 a favor do Seis do Nadal Coia. Con menos de dez segundos para o final os xogadores visitantes conseguiron un novo lanzamento a canastra que nesta ocasión non entrou e que xunto a falta posterior que concedía dous tiros libres aos locais sentenciaba o partido cun 56-51 final.

 

Despois da disputa da sexta xornada da Liga 2ª División Sénior Masculina 2011/12 o Seis do Nadal - Coia continua sendo o líder da competición ocupando a primeira posición da táboa en solitario, e cunha soa vitoria de vantaxe sobre o Ourense Capital Termal, combinado ao que se enfrontará na próxima xornada. A clasificación completa da competición é a seguinte:

.

 

O Sénior Masculino Zonal continúa buscando a vitoria

 

Pola súa banda o equipo Sénior Masculino Zonal aínda non coñece a vitoria na Liga 3ª División Sénior Masculina 11/12. O conxunto adestrado por Carlos Rodríguez disputou o pasado domingo día 13 de novembro o partido correspondente á quinta xornada da competición fronte ao Grupo OH Vigo.

 

O partido disputado no Colexio Seis do Nadal ante o Grupo OH Vigo foi dominado polo equipo visitante ata o último período, intre no que os xogadores do Seis do Nadal aumentaron a súa intensidade e o acerto de cara a canastra, achegándose no marcador nos últimos minutos do encontro. Aínda así non foi suficiente para conseguir a primeira das vitorias da tempada chegando ao final  cun resultado de 60-69.

 

O Sénior Feminino consegue unha importante vitoria

 

O Sénior Feminino da entidade, adestrador por Francisco J. García, conseguiu unha nova vitoria no partido disputado no Colexio Seis do Nadal o pasado sábado día 12 de novembro ante o CD Inmaculada de Santiago de Compostela.

.

(Equipo Sénior Feminino no partido disputado ante Peleteiro)

 

Desde o inicio da Liga 2ª División Sénior Feminina o noso conxunto disputou seis partidos conseguindo un balance de de dúas derrotas e catro vitorias, a última ante o CD Inmaculada nun igualado partido que rematou cun 50-48 a favor do Seis do Nadal - Coia.