viernes, 4 de septiembre de 2020

COMUNICADO INICIO TEMPADA 2020/2021

Estimadas familias e deportistas:

Antes de comezar, o noso primeiro desexo e que tanto vós como tódol@s vos@s achegad@s esteades ben.

Como sabedes, estamos a comezar a tempada 2020/2021 na que, tanto a Xunta Directiva como a Dirección Deportiva, levamos traballando desde o final do confinamento. Estamos organizando tódolos aspectos da mesma, contando coa colaboración da comunidade educativa do CEIP Seis do Nadal e en permanente contacto con Concello de Vigo, Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Baloncesto.

A día de hoxe, as competicións teñen unha data de comezo definida e, segundo a intención comunicada pola Federación Galega de Baloncesto, todo semella indicar que se van desenvolver como ven sendo habitual. Por ese motivo, o club xa realizou os pagos correspondentes ás inscricións dos equipos das distintas categorías. De tódolos xeitos, de non levarse a cabo as competicións nas datas previstas, continuaremos coas nosas sesións de adestramentos, adaptados ás medidas esixidas polas autoridades pertinentes, ata que nos indiquen o novo comezo das mesmas ou o xeito de proceder que estimen na Federación.

Algúns dos equipos xa comezaron os adestramentos debido á proximidade das súas datas de competición. O resto irán comezando paulatinamente a medida que teñamos dispoñibles tódalas pistas baixo un estricto protocolo de medidas de seguridade, hixiene e limpeza.

Desde o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia cremos que o deporte é fundamental e contribúe ao desenvolvemento e crecemento físico, intelectual e social dos rapaces e rapazas. Por este motivo, e aínda que este ano vai supoñer un reto importante para tod@s no que teremos que adaptarnos a esta nova normalidade, agardamos contar coa vosa confianza e colaboración unha tempada máis. Como vimos demostrando desde as Xornadas de Tecnificación Post-COVID e o Campus de Verán 2020, o máis importante para nós é transmitirvos toda a seguridade coa que estamos desenvolvendo as nosas actividades.

Grazas pola vosa confianza e benvidos á tempada 2020/2021.

Iria Otero Franco
Presidenta
Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia