domingo, 9 de abril de 2017

PRESENTADOS OS TORNEOS DE SEMANA SANTA 2017 DE CATEGORÍA CADETE E INFANTIL DO CLUB

(Manel Fernández, Concelleiro de Deportes, xunto a Concepción Martins, presidenta do Seis do Nadal; Ramón Román, membro da Xunta Directiva; e Sergio González, Director Deportivo do club)

.

O Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia presentou durante a mañá do xoves día 6 de abril do 2017 os seus Torneos de Semana Santa 2017 de categoría cadete e infantil, xunto ao Concelleiro de Deportes do Concello Vigo, Manel Fernández.

.

Nos últimos días das vacacións de Semana Santa, o 14, 15 e 16 de abril do 2017, as pistas dos Pavillóns Municipais de Navia e Bouzas, reunirán a un total de 36 combinados de categoría cadete e infantil con preto de 500 deportistas e 50 adestradores/as que serán os protagonistas principais da Décima Edición do Torneo de Baloncesto Cadete 2017 e da Novena Edición do Torneo de Baloncesto Infantil.

.

Os Torneos de Baloncesto de Semana Santa contarán con tres categorías diferentes. O venres día 14 de abril do 2017 disputarase o torneo de categoría Infantil Feminina Series "A" e "B", o sábado 15 será o turno das categorías Infantil Masculina e Cadete Masculina Serie "B", e clausurarán o torneo as categorías Cadete Masculina Serie "A" e Cadete Feminina o domingo día 16 de abril.

.

No torneo de categoría cadete participarán os conxuntos do club anfitrión Seis do Nadal - Coia (Vigo), os combinados galegos do CB Noia, CB Redondela, Colexio Salesianos Vigo, Básquet Coruña, Obradoiro CAB (Santiago de Compostela), Instituto Rosalía (Santiago Compostela), O Meco (O Grove), Bosco Ourense, Eduardo Blanco Amor (Ourense), CB Arxil (Pontevedra); os combinados de Castela e León do Agustinos León (León); e o equipo de Asturias Baloncesto Vegadeo.

 

En categoría infantil participarán os grupos do club anfitrión Seis do Nadal - Coia (Vigo); un combinado das Escolas Deportivas da entidade; os equipos galegos do Santa Baia (Boiro), CLB (Vilagarcía de Arousa), Airexa Nigrán, Costa Artabra (Ferrol), CB Maside, CB Noia, Xuven (Cambados), O meco (O Grove), CB Tui, Marín Peixegalego, CB Redondela e CB Nigrán; e o equipo de Castela e León,  o Agustinos León.

 

Manel Fernández, Concelleiro de Deportes de Vigo, animou á entidade viguesa a seguir traballando ao nivel que presentan na actualidade e asinou o convencio de colaboración dentro do actual proxecto Gañamos Todos. O acordo foi asinado pola Presidenta do Seis do Nadal - Coia, Concepción Martins, que estivo acompañada en todo momento polo directivo Ramón Román e polo Director Deportivo, Sergio González.