martes, 11 de agosto de 2015

ALBERTO ABALDE, XOGADOR DO JOVENTUT DE BADALONA, SERÁ O PADRINO DO 5º TORNEO 3X3

(Alberto Abalde coa medalla de prata que gañou no pasado Europeo Sub20)

.

A 5ª Edición do Torneo de Baloncesto 3x3 que organizará o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia nas pistas do Colexio Seis do Nadal os próximos días 21 e 22 de agosto do 2015 xa ten padrino, un padrino da Liga Endesa.

.

O padrino desta quinta edición do xa tradicional Torneo 3x3 será Alberto Abalde, xogador nado en Ferrol e que milita actualmente no Joventut de Badalona. Alberto Abalde formou parte na última tempada do filial do Joventut que milita en LEB Oro e estivo moi presente no primeiro equipo na Liga Endesa no que disputou esta campaña dezasete partidos. De cara a próxima tempada 2015/2016 o xogador do Joventut vivirá a súa primeira campaña íntegra coa primeira plantilla.

.

Alberto Abalde tamén formou parte das Seleccións Españolas en categorías inferiores e neste verán conseguiu proclamarse coa Selección Española subcampión do Campionato Europa Sub20 disputado en Lignano Sabbiadoro (Italia), repetindo de novo a prata que conseguiu o verán pasado no Europeo Sub20 celebrado en Creta (Grecia).

 

Para o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia é todo unha honra contar con Alberto Abalde como padrino do 5º Torneo de Baloncesto 3x3 que aínda ten o prazo de inscrición aberto ata o próximo mércores 19 de agosto do 2015.