jueves, 10 de abril de 2014

OS TORNEOS DE SEMANA SANTA 2014 CADETE E INFANTIL REUNIRÁN A MÁIS DE 400 DEPORTISTAS EN VIGO

(Manel Fernández, Concelleiro de Deportes, xunto a Concepción Martins, presidenta do Seis do Nadal; Ramón Román, membro da Xunta Directiva; e Sergio González, Director Deportivo do club)

.

O Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia presentou durante a mañá do xoves día 10 de abril do 2014 os seus Torneos de Semana Santa 2014 de categoría cadete e infantil, primeira gran cita marcada no calendario da entidade viguesa neste novo ano que será sucedida polo 14º Torneo de Minibásquet e do 2º Día do Benxamín Vigo-Arousa.

.

Nos últimos días das vacacións de Semana Santa, o 18, 19 e 20 de abril do 2014, as instalacións e pistas dos Pavillóns Municipais de Navia e Bouzas, reunirán a un total de 27 combinados de categoría cadete e infantil con máis de 400 deportistas e 40 adestradores/as que serán os protagonistas principais da Sétima Edición do Torneo Internacional Cadete 2014 e da Sexta Edición do Torneo Internacional Infantil.

.

Os Torneos Internacionais de Semana Santa contarán con tres categorías diferentes. O venres día 18 de abril disputarase o torneo de categoría Masculina Serie Autoescuela Coya, o sábado día 19 será o turno da categoría Feminina Serie Decomar, e clausurará o torneo a categoría Masculina Serie Golosinas Meloso o domingo día 20 de abril.

.

No torneo de categoría cadete participarán os equipos do club anfitrión Seis do Nadal - Coia (Vigo), os combinados galegos do BBC (Vilagarcía Arousa), Marín Peixegalego (Marín), Básquet Coruña (A Coruña), Eduardo Blanco Amor (Ourense), CB Baiona (Baiona), CB Noia (Noia), Ensino Lugo (Lugo), AD Cortegada (Vilagarcía Arousa), Xuven (Cambados), Compañía de María (Santiago de Compostela), AD Bosco (Ourense); o equipo portugués do Guifoes SC (Matosinhos); o equipo de Castela e León, o Agustinos León (León); e o equipo de Asturias, o Baloncesto Vegadeo (Vegadeo).

 

En categoría infantil participarán os combinados do club anfitrión Seis do Nadal - Coia (Vigo), os equipos galegos do CB O Grove (O Grove), Eduardo Blanco Amor (Ourense), BBC (Vilagarcía), AD Bosco (Ourense), Marín Peixegalego (Marín); e o equipo luso do Guifoes SC (Matosinhos).

 

Durante a presentación dos Torneos de Semana Santa 2014 o Concelleiro de Deportes do Concello Vigo, Manel Fernández, animou aos responsables do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia a "continuar traballando no voso proxecto deportivo como nas últimas tempadas e a continuar organizando actividades que promovan a actividade deportiva na cidade de Vigo".

 

Tamén aproveitou para poder desexarlle "moita sorte a tódolos equipos participantes neste gran evento que organiza o Club Baloncesto Seis do Nadal".