martes, 25 de junio de 2013

O CLUB BALONCESTO SEIS DO NADAL COIA PRESENTOU AOS MEDIOS O 9º CAMPUS DE VERÁN 2013

(Adestradores e directivos na presentación do 9º Campus de Verán))

.

O Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia presentou en El Corte Inglés o 9º Campus de Verán Baloncesto 2013 que organiza por oitava tempada consecutiva e que nesta nova ocasión se celebrará dos días 15 ao 21 de xullo do 2013 nas instalacións da Cidade Universitaria de Vigo e dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 17 anos.

.

Sergio González, Director Deportivo do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, acompañado por Miguel Ángel Pena e Susana Román, membros da Xunda Directiva da entidade, explicou que o 9º Campus de Baloncesto 2013 ofrecerá, ademais dunha completa formación deportiva que esta edición contará con contidos de inicicación e de perfeccionamento cun traballo específico dirixido á mecánica de tiro que correrá a cargo de adestradores e de adestradoras de contrastada experiencia, un amplo abano de oportunidades de ocio, cultura e deporte.

.

As xornadas do campus de verán se desenvolverán na Cidade Universitaria de Vigo entre as 10:00 horas e as 19:30 horas. As instalacións dispoñibles ofrecerán múltiples oportunidades de establecer contacto con outros deportes e actividades físicas ao poder contar cunha pista polideportiva cuberta, unha piscina olímpica, un campo de herba sintética e un campo de herba natural.

.

(Rolda de prensa de presentación do 9º Campus de Verán do Seis do Nadal)

 

Os adestramentos e sesións de baloncesto serán levados a cabo por adestradores e monitores do Club Baloncesto Seis do Nadal e por adestradores, técnicos e xogadores convidados doutros clubes e seleccións. Tódolos deportes e actividades alternativas serán impartidas durante o campus por entidades e clubs especializadas conseguindo o obxectivo de ofrecer o mellor producto deportivo e de lecer.

 

Sergio González, Director Deportivo do Seis do Nadal - Coia, informou doutra novidade nesta novena edición do campus: o desenvolvemento de actividades en inglés nas que os inscritos deberá utilizar o inglés para comunicarse e levar a cabo as accións indicadas.

 

O prazo de inscrición aínda está aberto ata o próximo martes día 9 de xullo do 2013, data ata a cal tódolos interesados poderán inscribirse para poder disfrutar dunha semana cargada de deporte, convivencia e moitas outras experiencias que farán do 9º Campus de Verán do Seis do Nadal unha oportunidade múltiple de aprendizaxe e de formación, tal e como explicou Miguel Ángel Pena, directivo do club de Coia.