martes, 10 de abril de 2012

O MARÍN PEIXEGALEGO CAMPIÓN DA SERIE "B" MASCULINA DO 5º TORNEO INTERNACIONAL CADETE 2012

.

(Os xogadores do Marín Peixegalego co trofeo de campións do torneo)

.

O pasado venres día 6 de abril do 2012 o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia organizou a xornada de categoría Cadete Masculina Serie "B" do 5º Torneo Internacional Cadete 2012 "Coia, Núcleo de Baloncesto en Vigo", xornada na que o Marín Peixegalego conseguiu o título de campión do torneo.

.

Os seis conxuntos que competiron nesta xornada de categoría Cadete Masculina Serie "B" foron o equipo do club anfitrión Seis do Nadal Celso Emilio Ferreiro (Vigo); xunto ao GDG Basquetebol (Gafanha), o Marín Peixegalego (Marín), o Cluny San José (Santiago), COB Ourense (Ourense) e o conxunto asturiano Baloncesto Vegadeo.

.

Os equipos que quedaron clasificados na primeira posición dos grupos foron o Baloncesto Vegadeo e o Marín Peixegalego. No grupo "A" o segundo posto foi para o GDB Gafanha seguido do Seis do Nadal Celso Emilio Ferreiro na terceira posición; sendo o segundo clasificado do grupo "B" o COB Ourense e o terceiro clasificado o Cluny San José.

.

Na fase final de cruces, disputada pola tarde, no partido polo 5º e 6º postos enfrontaronse o Seis do Nadal Celso Emilio Ferreiro e o Cluny San José, concluíndo gañador do encontro o equipo do club anfitrión cun 57-45 final. O partido polo 3º e 4º posto disputado polo GDB Gafanha e o COB Ourense tivo que decidirse nos minutos finais da prórroga xa que o marcador chegou ao final do cuarto período cun 70 a 70. Foi no último minuto da prórroga onde o equipo ourensán conseguiu unha vantaxe de catro puntos que defendou ata o final do encontro (76-80), levándose así o terceiro posto do torneo.

.

(O Baloncesto Vegadeo subcampión da Serie "B" do 5º Torneo Cadete)

.

O cruce final de categoría masculina Serie "B" do 5º Torneo Internacional Cadete 2012 enfrontou ao equipo de Baloncesto Vegadeo e ao Marín Peixegalego nunha igualada final que chegaba ao descanso cun 22-21 no electrónico a favor dos asturianos. No terceiro período o combinado da vila de Marín conseguía adiantarse no marcador cunha pequena vantaxe de tres puntos (36-39), vantaxe que os xogadores do Peixegalego conseguiron defender e aumentar ata o final do encontro (49 a 58), proclamándose campións da categoría masculina Serie "B" da nova edición do torneo.

.

.

.

.

.

.

No acto de clausura e na entrega de premios desta xornada de categoría Cadete Masculina Serie "B" do Torneo Internacional Cadete 2012 estivo presente Concepción Martins, Presidenta do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia; Francisca García, Secretaria da Xunta Directiva da entidade; Sergio González, Director Deportivo da entidade; Margarita Niño, Directora do CPI Celso Emilio Ferreiro; Francisco García, en represetación dos adestradores e adestradoras do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia; e Mónica Bastos, en representación do grupo de pais e nais da entidade.