(De esquerda a dereita: Alicia Muñoz, Mª Carmen Rodríguez, Borja Astray, Irea González e Sara Fernández)
.
A Federación Galega de Baloncesto fixo públicas as listas definitivas de 12 xogadores e 12 xogadoras que representarán, en categoría infantil e categoría cadete, á comunidade galega no Campionato de España de Seleccións Autonómicas 2012, a celebrar en Valladolid do día 2 ao 7 do vindeiro mes de xaneiro.
.
As relacións de xogadores e xogadoras que estarán na cidade castelá formando parte de cada unha das catro Seleccións Galegas déronse a coñecer de maneira oficial unha vez foi completada a meirande parte da preparación e do traballo de cada un dos combinados baixo a condición de preselección.
.
Unha tempada máis o Club Baloncesto Seis do Nadal Coia estará presente no Campionato de España 2012 de Seleccións Autonómicas representado por cinco deportistas que formarán parte das Seleccións Galegas de categoría infantil e cadete.
.
Sendo un dos integrantes da selección galega de categoría infantil masculina foi seleccionado Borja Astray, xogador do Infantil Masculino "A" e adestrado por Albert Tomas e Carlos Guada. En categoría infantil feminina integrarán a selección galega Alicia Muñoz e Mª Carmen Rodríguez, xogadoras do Infantil Feminino "A" e dirixidas por Sergio González, Alicia Álvarez e Daniel Rodríguez.
.
En categoría cadete, Sara Fernández e Irea González, as dúas xogadoras do Cadete Feminino "A" e adestradas por Jorge Martínez, Pablo Sánchez e Ignacio Sánchez; formarán parte da Selección Galega cadete feminina que participará no Campionato de España en Valladolid.
.
O corpo técnico de cada unha das catro seleccións deixou de manifesto o seu agradecemento a todos aqueles xogadores e xogadoras que traballaron nas catro preseleccións ao longo dos meses de preparación e que finalmente non poderán estar presentes na cita estatal.
.
Os nosos deportistas na preparación coas seleccións
.
A Selección Galega Infantil Feminina participou a pasada fin de semana dos días 3 e 4 de decembro do 2011 no IV Torneo Interfederacións que se celebrou nas localidades vascas de Urretxu e Zumárraga baixo a organización da Federación Vasca de Baloncesto.
.
(Alicia e Mª Carmen coa Selección Galega Infantil Feminina)
.
Durante dito campionato a selección da que forman parte Alicia Muñoz e Mª Carmen Rodríguez disputou tres partidos ante selección da talla de Asturias, Euskadi e Castela León, conseguindo o pleno de vitorias neste torneo de preparación.
.
(Clausura do I Torneo de Seleccións en Lugo con Borja, Sara e Irea)
.
Pola outra banda as seleccións galegas cadete feminina e infantil masculina participaron no I Torneo de Seleccións ´11 disuptado en Lugo a mesma fin de semana dos días 3 e 4 de decembro. A selección infantil masculina, con Borja Astray nas súas filas, proclamouse campioa do torneo; mentres que a selección cadete feminina, selección que conta coa presenza de Sara Fernández e Irea González, rematou como cuarto clasificada o torneo.