lunes, 2 de mayo de 2011

CARMELITAS OURENSE E F.C. PORTO CAMPIÓNS DO 11º TORNEO INTERNACIONAL NOVACAIXAGALICIA DE MINIBÁSQUET DO SEIS DO NADAL

(O F.C. Porto campión masculino do 11º Torneo Novacaixagalicia de Mini)

.

O equipo F.C. Porto, en categoría masculina, e o Carmelitas Ourense, na xornada feminina, proclamáronse campións do 11º Torneo Internacional Novacaixagalicia Minibásquet, unha cita anual do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia coas categorías inferiores que se celebrou no Polideportivo Municipal de Balaídos os pasados días 30 de abril e 1 de maio do 2011.

.

Este Torneo de Minibásquet, un dos campionatos con maior tradición e prestixio da comunidade galega, que celebrou xa a súa undécima edición, reuniu ao mellor das canteiras de baloncesto da cidade de Vigo, da comunidade autónoma de Galicia e de Portugal, reunindo a máis de 400 deportistas e preto de 40 técnicos.

.

O sábado celebrouse a xornada de categoría feminina na que participaron 12 equipos: os dous conxuntos do Seis do Nadal, Canteiras Porriño, C.B. Arxil (Pontevedra), Maristas Celta (Vigo), Pío XII (Santiago Compostela), Carmelitas Ourense, Básquet Coruña, Grupo Desportivo Gafanha (Portugal), A.D. Cortegada (Vilagarcía de Arousa), R.C. Celta Bosco (Vigo) e Compañía de María (Vigo).

.

As semifinais femininas enfrontaron ao Seis do Nadal Celso E. Ferreiro e Canteiras "A", e ao Carmelitas Ourense e Maristas Celta; combinados que lideraron os seus grupos na fase de clasificación disputada durante a mañá. Dous igualados e emocionantes partidos de semifinais remataron dando paso á final entre o equipo anfitrión, o Seis do Nadal Celso E. Ferreiro, e o Carmelitas Ourense, encontro que tras unha primeira parte igualada foi caíndo en máns do equipo ourensán a partir do terceiro período e ata o final (32-45), sempre cunha grada chea de espectadores.

.

(As xogadoras do Carmelitas Ourense co trofeo de campioas do Torneo)

.

Na xornada do domingo competiron os 12 equipos masculinos participantes: Seis do Nadal "A", Seis do Nadal Illas Cíes, Canteiras Porriño, F.C. Porto (Portugal), Colexio Salesianos (Vigo), Compañía de María (Santiago de Compostela), Grupo Desportivo Gafanha (Portugal), O Meco (O Grove), C.B. Tui, B.B.C. (Vilagarcía), Básquet Coruña e Marín Peixegalego.

.

F.C. Porto, Colexio Salesianos, Canteiras Porriño e Básquet Coruña foron os catro equipos que alcanzaron as semifinais, encabezando os seus grupos na fase de clasificación, aínda que soamente dous conxuntos poideron disputar a final do torneo. Foron o F.C. Porto e o Básquet Coruña os equipos protagonistas da final, un igualado partido que chegou ao seu último período cunha mínima vantaxe para o equipo luso que conseguiu manter ata o final (49-45).

.

Nas clausuras do 11º Torneo Internacional Novacaixagalicia de Minibásquet 2011 estiveron presentes Jorge Santos, director de Infancia, Xuventude e Deportes de Novacaixgalicia; Alberte Zato, Vicepresidente da Federación Galega de Baloncesto; Mar Lago, Presidenta do Club Baloncesto Seis do Nadal; Francisca García, Julio Rodríguez, Concepción Martins e Adrián Sabido; membros da Xunta Directiva da entidade; Sergio González, Director Deportivo do Seis do Nadal - Coia; diferentes adestradores e adestradores en representación do corpo técnico do club; e Ramón Román, en representación dos pais e nais da entidade. Tamén estivo presente durante a final feminina do torneo o Concelleiro de Deportes do Concello de Vigo e presidente da Fundación VIDE, Xabier Alonso.

.

(As xogadoras finalistas do Seis do Nadal e Carmelitas xunto a Xabier Alonso)

.

O 11º Torneo Internacional Novacaixagalicia de Minibásquet contou co apoio de Novacaixagalicia, Concellería de Deportes do Concello de Vigo, o Instituto Municipal de Deportes, a Fundación VIDE, a Secretaría Xeral para o Deporte así como a Federación Galega de Baloncesto. Ademais tamén conta coa colaboración de Coca-Cola, Alcampo e Chumis.