miércoles, 15 de septiembre de 2010

O CONCELLEIRO DE DEPORTES SALIENTA OS ÉXITOS DO CLUB BALONCESTO SEIS DO NADAL COIA

.

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, recibiu o pasado mércores 15 de setembro no Concello aos equipos infantís masculino e feminino do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia da pasada tempada 2009/2010.

.

Os dous equipos foron protagonistas dunha grande recta final e, coincidindo co comezo dunha nova tempada, o concelleiro recibíunos e fíxose a foto de familia con eles.

.

A tempada pasada o Seis do Nadal metíase por primeira vez en toda a súa historia nunha fase final do Campionato Estatal masculino e as mozas chegaron ata a fase interautonómica celebrada en marín. Todo un mérito para o club. A clasificación do conxunto masculino para o XXXI Campionato de España de Clubs supuxo a cuarta dun equipo vigués na historia deste campionato, tras Salesianos (1969) e Ademar (1982 e 1984), pero primeira neste século.

.

Para o edil, "isto ocorre porque hai detrás unha organización e unha boa coordinación, ademais dun gran adestramento", dixo. Segundo comentou, "o Seis do Nadal faino moi ben", e incidiu aos xogadores e xogadoras alí presentes en que "estades aprendendo cousas sen querer", referíndose a que o deporte "forma para a vida real".

.

O concelleiro e presidente da Fundación Vide pediu a ambos os dous equipos que "fagan caso" dos seus adestradores, que buscan o mellor para o colectivo. "O compañerismo, o traballo colectivo, a colaboración", son para o concelleiro básicos "para o éxito, que chega porque hai un grupo que funciona, e na vida real é tamén así".

.

Na recepción estiveron presentes algúns técnicos do éxito, Sergio González (actual Director Deportivo da entidade), Alicia Álvarez, Jorge Martínez e Ignacio Sánchez, ademais dalgún membro da xunta directiva, coa súa presidenta María del Mar Lago ao fronte.

.

Os integrantes dos conxuntos entregaron sendas camisetas ao concelleiro, que espera poder asistir esta tempada a algún dos seus partidos. Para rematar, o político vigués expresou o seu desexo de que algúns e algunhas "poidan chegar a clubs de élite no futuro".

.

Este acto que marca o comezo pleno de toda a actividade federada da entidade viguesa, coincide tamén co período de inscrición das Escolas Deportivas que dirixe. Con máis de 400 prazas nas súas escolas deportivas o club de Coia anima a tódolos rapaces e rapazas a inscribirse e practicar o deporte da canastra.