martes, 30 de marzo de 2010

AS SELECCIÓNS GALEGAS DE MINI CONSEGUEN O ASCENSO E REMATAN LÍDERES DOS SEUS GRUPOS

.

Tras a ledicia rexistrada na expedición galega polo ascenso ao Grupo Especial das xogadoras da Selección Galega Feminina, na xornada de onte a Selección Galega Masculina, conxunto do que forman parte Borja Astray e Sergio González, membros do Club Baloncesto Seis do Nadal, tivo a oportunidade de celebrar o seu propio pase á categoría superior do Campionato de España.

.

Grazas a unha traballada vitoria ante a selección do Principado de Asturias, os xogadores galegos colleitaron o tan agardado ascenso e, unha vez máis, deixaron sobre a pista unha gran imaxe de equipo.

.

Tanto os asturianos coma os galegos saltaron á cancha coa intención de obter o premio do ascenso. Este aliciente marcou o carácter dos catro primeiros períodos de xogo, nos cales o marcador oscilaba con lixeiras diferencias, a favor duns e doutros, ata chegar ao resultado final de 92-73.

.

A Selección Galega Feminina, combinado no que milita Alicia Muñoz, xogadora do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, puxo tamén o broche de ouro á súa fase previa rubricando a súa terceira vitoria en tres encontros desputados.

.

Co Principado de Asturias tamén como rival e co ascenso xa nas súas mans, o equipo feminino completou un encontro no que foi de menos a máis. Así, tras dous titubeantes primeiros períodos por debaixo no electrónico, as xogadoras galegas amosaron a súa mellor cara e estableceron unha superioridade que se mantivo inalterable ata o final do encontro (45- 65).

.

As Seleccións Galegas afrontarán na xornada de hoxe, martes 30 de marzo ás 15:30 horas, os seus derradeiros encontros no Campionato de España. Os nosos equipos, como respectivos líderes do seus grupos, veranse as caras coa Comunidade Valenciana no caso masculino, e Illas Baleares no feminino, primeiros clasificados dos restantes grupos de preferente.

.

Eles serán os rivais duns encontros que servirán para despedir unha gran actuación galega repleta de vivencias e satisfacións.

.

.

Borja Astray, Alicia Muñoz e Sergio González coas Seleccións Galegas de Minibásquet en San Fernando (Cádiz).