martes, 5 de enero de 2010

O INFANTIL MASCULINO "A" CAMPIÓN DO V TORNEO INTERNACIONAL CIDADE DE GAFANHA DE NAZARÉ

O equipo Infantil Masculino "A", Mondariz Seis do Nadal, do club Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia proclamouse campión do V Torneo Internacional de Sub14 Masculinos e Femininos "Cidade de Gafanha de Nazaré" celebrado os días 2 e 3 de xaneiro do 2010 en Gafanha de Nazaré.

O conxunto adestrado neste campionato por Sergio González, Diego Montenegro e Alicia Álvarez, xogou a primeira fase de clasificación o sábado día 2 de xaneiro ante o FC Porto e Ginásico CF, partidos que gañou cuns marcadores de 28-41 e 27-55 respectivamente.

Con estes resultados conseguía situarse na primeira posición do Grupo "A" Masculino, o que lle enfrontaba na fase final, na final do torneo, ante o primeiro clasificado do Grupo "B" Masculino, o SL Benfica, conxunto que gañou na fase de clasificación aos equipos GDB Leça (39-55) e ao Puro Pão Gafanha (72-27).

A final masculina do V Torneo Internacional de Sub14 "Cidade de Gafanha de Nazaré" foi un partido emotivo e espectacular. O público, que case encheu o Pavillón Deportivo de Gafanha de Nazaré, comezou asistindo a unha gran entrada do SL Benfica no partido, chegando a un marcador a favor do equipo portugués de 4-20.

O Mondariz Seis do Nadal non deixou escapar o partido e cun gran esforzo e xogo sobre a pista conseguiu darlle a volta ao marcador. Poucos dos alí presentes acreditarían que o SL Benfica, superior durante a primeira parte do encontro final, puidese ceder nos minutos finais, pero unha gran defensa agresiva e unha actitude notable dos xogadores de Vigo foi determinante nos intres finais.

O equipo da cidade de Vigo conseguía forzar a prórroga nos últimos segundos do partido, período onde o Seis do Nadal deu continuidade ao intenso xogo que realizou nos minutos finais do último cuarto conseguindo unha vitoria por 42-38, que non deixa de ser sorprendente pero xusta e gañada sobre a pista.