martes, 5 de enero de 2010

O INFANTIL FEMININO "A" TERCEIRO CLASIFICADO DO V TORNEO SUB14 CIDADE DE GAFANHA NAZARÉ

O equipo Infantil Feminino "A", Mondariz Seis do Nadal, do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, conseguiu rematar na Terceira Posición do V Torneo Internacional de Sub14 Masculinos e Femininos "Cidade de Gafanha de Nazaré" 2010 celebrado os días 2 e 3 de xaneiro do 2010 en Gafanha de Nazaré.

O grupo adestrado e dirixido neste torneo por Jorge Martínez e Beatriz Vaquero, xogou a fase de clasificación o sábado 2 de xaneiro ante o SL Benfica e o Académico FC. No primeiro partido do torneo que disputou o Seis do Nadal enfrontouse ao SL Benfica, partido cunha gran igualdade que foi reflexada no marcador final cun resultado 29-29.

O segundo partido da fase de clasificación foi contra o equipo Académico FC, equipo de gran nivel e cunha gran intensidade, ante o cal o noso conxunto competiu durante todo o encontro a pesar de que o conxunto portugués foi o que conseguiu a vitoria cun marcador de 42-36.

Con estes resultados o noso conxunto conseguía situarse na segunda posición do Grupo "A" Feminino, o que lle enfrontaba na fase final, no partido polo terceiro e cuarto posto, ante o segundo clasificado do Grupo "B" Feminino, o GDB Gafanha, conxunto que perdeu ante o FC Porto (34-44) e venceu pola mínima ante o PT Coimbra (37-38).

O Mondariz Seis do Nadal xogou o encontro polo terceiro e cuarto posto do V Torneo Internacional "Cidade de Gafanha de Nazaré" o domingo 3 de xaneiro ante o GD Gafanha, partido no que o noso equipo desenvolveu un gran xogo e presentou unha excelente actitude, conseguindo a vitoria e, polo tanto, o terceiro posto do Campionato.