O Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia pon en marcha a Liga Linco Linorsa por oitavo ano consecutivo, para nenos e nenas de 6 a 12 anos de idade. A magnífica idea é un campionato intercolexial co apoio do Instituto Municipal dos Deportes que se xoga tódolos venres polo serán (de 16:15 a 18:00 horas) no Pavillón de Balaídos desde hoxe mesmo e ata finais de maio, cando rematan as Escolas Deportivas Municipais.
Este ano, desde o Seis do Nadal se avanzou un paso máis e se creou unha segunda competición, a Linco XL, “dirixida aos nenos e nenas de máis dos 12 anos e ata os 16. Tiñamos demanda e este ano pómola en marcha”, apunta a Presidenta do Seis do Nadal, Mar Lago. Haberá un cento de inscritos na tradicional Linco e cincuenta na Linco XL.
Na Linco Linorsa inscribíronse os CEIP Seis do Nadal, Javier Sensat, Illas Cíes, Pintor Laxeiro, Doutor Fléming e Castelao, ademais do CPI Celso Emilio Ferreiro e as Escolas Deportivas Municipais de Balaídos e O Berbés. Xunto a eles, invitouse a participar por vez primeira ao CEIP Alexandre Bóveda Chapela.
Na competición XL, cada dous venres (de 18:00 horas a 19:00 horas) participarán os alumnos e as alumnas das Escolas de Balaídos e do Colexio Montesol, equipo invitado. “Queremos dar unha nova experiencia competitiva a quenes aínda non a teñen”, apunta Sergio González, o activo director deportivo do Seis do Nadal.
A Linco é unha idea que non só permite ás categorías base competir entre colexios, senón que tamén leva a xogadores e xogadoras federados de categoría cadete e júnior do club a arbitrar, nunha labor instructiva e docente. Os partidos duran vinte minutos e a organización busca establecer temáticas que conecten.
Nesta edición, coincidente co Ano da Lectura en Galicia, “os nomes dos conxuntos están ligados á literatura galega: Os Merlíns, Os Biosbardos”, di Chuca García, Secretaria do Club e adestradora na Linco.
Como esta competición pretende fomentar valores do deporte (esforzo pero tamén compañeirismo), o Seis do Nadal conclúe cada xornada cunha merenda, cedida polos patrocinadores do evento, Mondariz, Dulcesol, Coca-Cola, Caixanova e Displave, co apoio da Concellería de Deportes e da Federación Galega de Baloncesto.
A xerente da Fundación Vigo en Deporte, Laura Magdalena, recoñeceu que o Seis do Nadal “é un dos valores máis activos e prezados que temos dentro do deporte base na Fundación VIDE” e espera que “estas actuacións sirvan de exemplo noutras modalidades deportivas para seguir crecendo”.

