miércoles, 2 de diciembre de 2009

CINCO DEPORTISTAS DO C.B. SEIS DO NADAL - COIA NAS SELECCIÓNS GALEGAS DE CATEGORÍA INFANTÍL

(Grupo das Seleccións Galegas Infantís e Cadetes)

A Área de Seleccións da Federación Galega de Baloncesto comunicou que, tras a xornada de adestramento e traballo celebrada o pasado domingo 29 de novembro no Concello de A Estrada por parte das preseleccións galegas cadetes e infantís, xa quedaron definidos tódolos conxuntos completos e definitivos que representarán a Galicia no Campionato de España que terá lugar o vindeiro mes de xaneiro entre os días 4 e 10 de xaneiro en Zaragoza.

No Campionato de España de categoría Infantil Masculina e Feminina que se celebrará en Zaragoza o Club Baloncesto Seis do Nadal estará representado por cinco deportistas, tres xogadores na Selección Galega Infantil Masculina máis dúas xogadoras na Selección Infantil Feminina.

Na Selección Galega Infantil Masculina a representación do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia será defendida por Jorge Cabaleiro (1996), David Gómez (1996) e José Paz (1996), xogadores do Infantil Masculino "A", Mondariz Seis do Nadal, adestrados por Sergio González e Diego Montenegro.

O noso club tamén terá a súa representación na Selección Galega Infantil Feminina, formando parte da mesma Sara Araújo (1996) e Irea González (1996), xogadoras do equipo Infantil Feminino "A", Mondariz Seis do Nadal, dirixidas por Jorge Martínez e Pablo Sánchez.

A vindeira cita das Seleccións Galegas cadetes e infantís está agora centrada nesta mesma fin de semana e na ponte festiva que a acompaña. As diferentes seleccións galegas terán unha nova oportunidade de medir as súas forzas con outros equipos autonómicos do seu nivel en sendos torneos.