A Federación Galega de Baloncesto presentou na mañá do pasado luns 9 de marzo o "I Congreso Galego de Baloncesto en Idade Escolar" actividade que se celebrará o vindeiro 23 de marzo no salón de actos do Hotel Torres de Compostela (Santiago de Compostela).
A Federación Galega de Baloncesto organizará esta actividade o vindeiro 23 de marzo co obxectivo primordial de potenciar o baloncesto en idade escolar como "escenario natural da aprendizaxe social dos nenos e nenas".
O presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín, acompañado polo Profesor de Baloncesto da Facultade de Ciencias do Deporte da Universidade da Coruña, Antonio Montero; polo Director das Escolas Básket Xiria, Víctor Melini, e por Pepe Casal, introduciron os pormenores desta actividade, que achegará a Compostela a diferentes profesionais de ampla experiencia no campo do Baloncesto e, en especial, do traballo no ámbito Escolar.
Antonio Montero remarcou o valor do "I Congreso Galego de Baloncesto en Idade Escolar" xa que "permite o intercambio de experiencias positivas desenroladas en Galicia en diversos ámbitos do Baloncesto: clubs, adestradores, árbitros e directivos".
Montero salientou tamén a importancia dos relatores que participarán no Congreso, encabezados por Joan Montes Pérez, responsable do Baloncesto de Base do F.C. Barcelona. Así, o conxunto dos convidados ofrecerán unha completa visión sobre catro áreas Fundamentais: a iniciación deportiva en Baloncesto, as actuacións nos clubs de éxito, a formación dos directivos e a captación e formación de árbitros.
Todos os interesados en formalizar a súa inscrición neste "I Congreso Galego de Baloncesto en Idade Escolar" poderán facelo, antes do día 16 de marzo, achegando o formulario de inscrición por mail, fax (981566066) ou en persoa á Federación Galega de Baloncesto. A participación no congreso será de balde, desfrutando ademais, os 100 primeiros inscritos, dun xantar gratuíto.
A asistencia completa a este congreso poderá convalidarse como 7 horas de formación práctica presencial para os alumnos da Escola Galega de Adestradores que se atopen realizando os cursos de nivel 1 e nivel 2.
Así mesmo, a Federación Galega de Baloncesto anunciou tamén a posibilidade, aínda sen confirmar, da obtención dun crédito de libre configuración na Universidade da Coruña pola presenza completa no Congreso.
