sábado, 12 de julio de 2008

GRANDES VISITAS NUNHA NOVA XORNADA DO 4º CAMPUS DO SEIS DO NADAL - COIA

 

 

 

Hoxe, sábado 12 de xullo do 2008, os inscritos no 4º Campus de Baloncesto organizado polo Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia entre o 6 e o 13 de xullo nas instalacións da Cidade Universitaria de Vigo, puideron disfrutar de dúas grandes visitas. Miguel Méndez, pola mañá, e Tamara Abalde, pola tarde, levantaron grande interese nos nosos participantes e fixeron as ledicias de todos eles.

 

Miguel Méndez, adestrador do R.C. Celta de Vigo de Liga Feminina e Seleccionador Español cunha gran experiencia, visitou o noso campus pola mañá e o seu adestramento centrouse nas recepcións e saídas con balón.

 

Tamara Abalde, xogadora da Selección Española Absoluta, pasou a tarde no noso campus e nos contou as súas experiencias no mundo da canastra. Tamara, xogadora que esta última tempada militou nas filas do equipo de baloncesto da Universidade de Lamar en Estados Unidos e que fichou para as dúas próxima tempadas polo Ros Casares de Valencia, xogará os próximos Xogos Olímpicos de Pekín coa Selección Española Absoluta despois de haber conseguido varios Campionatos de Europa coas Seleccións Inferiores.

 

Os rapaces e rapazas do campus aproveitaron a ocasión para pedirlle autógrafos e dedicatorias a Tamara, unha peza clave no futuro do baloncesto feminino español e unha das promesas da "xeración do 89" cunha gran proxección.

 

Pola tarde tódolos nosos grupos disfrutaron dos esperados xogos de auga. Un sinfín de xogos con auga fixo que tódolos participantes pasaran un momento divertido e moi mollado.

 

Unha nova xornada que remata para dar paso a xornada de despedida do 4º Campus de Baloncesto Seis do Nadal - Coia. Mañá rematará e se pechará ata o próximo ano a lista de "paraguallos" e, polo tanto, teremos que esperar todo un ano para volver a vivir os 400 metros en calzoncillos, para aprender a comer sen empregar as mans, para poder disfrutar da compaña da nena reloxo e moitas outras cousas que de seguro que os nosos inscritos non esquecerán tan doadamente.

 

Mañá, domingo 13 de xullo do 2008, a partir das 17:00 horas, invitamos a tódolos familiares e amigos dos rapaces e rapazas do campus, a asistir ao Pavillón Polideportivo da Universidade de Vigo para poder observar e disfrutar coas exhibicións que cada grupo preparou para a clausura. Ata mañá!