O Alevín Masculino "A", Autoescuela Coya Celso Emilio Ferreiro, do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, adestrado por Idelfonso García e Miguel Diéguez, proclamouse Campión do Trofeo Diputación de Pontevedra 2007/08 de categoría alevín masculina.
O noso equipo conseguiu impoñerse nos dous partidos da final ao duro contrincante Canteiras Porriño "A". No primeiro partido xogado o sábado 17 no Pavillón Municipal de O Porriño os nosos xogadores conseguiron unha curta ventaxa de 5 puntos (35-40). O domingo 18 o partido de volta disputábase no Colexio Seis do Nadal e o noso equipo foi capaz de poñer o broche de gala á final e á gran tempada que realizou conseguindo unha victoria cun marcador a favor de 42-30.
O noso equipo será o representante vigués no Campionato Galego McDonald´s de Minibásquet que terá lugar o próximo día 1 de xuño na cidade de Santiago de Compostela. Ao citado campionato acudirán os Campións Zonais de cada unha das delegacións e os segundos clasificados das Delegacións Campionas Galegas na pasada tempada.
Desde o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia queremos darlle a noraboa ao Alevín Masculino "A", xogadores e corpo técnico, pola excelente tempada que realizaron e polos excelentes resultados que conseguiron durante todo o ano non só a nivel deportivo. Desexámoslle tamén moita sorte no Campionato Galego do próximo 1 de xuño. Felicidades e moita sorte!


