O próximo domingo 20 de abril do 2008 o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia recibirá a visita do FC Porto de Portugal. Este club portugués viaxará ata España con catro equipos da súa canteira para xogar partidos amistosos contra catro dos equipos do Seis do Nadal.
Os catro equipos que visitarán as nosas pistas son o equipo Benxamín Masculino con xogadores nacidos no ano 1998 que xogará contra o noso equipo Benxamín Masculino (Óptica A&B Seis do Nadal), o equipo Alevín Masculino con xogadores nacidos no ano 1997 que xogará contra o noso equipo Alevín Masculino "B" (Seis do Nadal "B"), o equipo de Iniciados Masculinos con xogadores nacidos no ano 1994 que se enfrontará ao noso equipo Infantil Masculino "A" (Mondariz Seis do Nadal) e o equipo Cadete Masculino con xogadores nacidos no ano 1992 que xogará contra o noso equipo Júnior Masculino "B" (Seis do Nadal "B").
De xeito paralelo a estos partidos amigables do C.B. Seis do Nadal - Coia contra o FC Porto, a entidade organizará un Torneo 3x3 que terá lugar nas mesmas instalacións do Colexio Seis do Nadal entre cada partido.
Neste Torneo 3x3 poderán participar tódolos xogadores e xogadoras do noso club que o desexen, así como rapaces e rapazas que non pertencen ao Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia (amigos, compañeiros de clase, etc.). A única norma que é preciso cumplir é que en cada equipo, de catro xogadores/as como máximo, ten que haber como mínimo un deportista do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia.
Este Torneo 3x3 está aberto a tódalas categorías desde minibásquet ata sénior pasando por infantil, cadete e júnior. Ademais tamén poderán participar neste encontro adestradores e adestradoras, pais, nais e familiares dos deportistas.
Con tódolos equipos inscritos neste Torneo 3x3 se farán catro grupos por categorías: un grupo de equipos de minibásquet, un grupo de equipos de categoría infantil, un grupo de equipos de categoría cadete e un grupo de equipos de categoría júnior e sénior; que xogarán entre sí.
O prazo de inscrición rematará o próximo venres 18 de abril ás 20:30 horas. Para facer efectiva a inscrición é necesario cubrir unha folla de inscrición do torneo que poderedes descargar pulsando AQUÍ ou que vos poderán facilitar os adestradores e adestradoras. A folla de inscrición completa co nome do equipo e co nome dos catro participantes deberá ser entregada ao Coordinador Deportivo Sergio González ou enviada ao correo electrónico do club baloncestoseisdonadalcoia@gmail.com.
Permanecede atentos e atentas a esta páxina web xa que ao longo da semana se publicarán os horarios dos partidos amistosos contra o FC Porto, os equipos inscritos no Torneo 3x3, os horarios dos partidos do Torneo 3x3 e moitas outras sorpresas.

