Mostrando entradas con la etiqueta Clinics. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Clinics. Mostrar todas las entradas

I CLINIC DE BALONCESTO 2010 ORGANIZADO POLO CLUB BALONCESTO SEIS DO NADAL - COIA

.

O Club Baloncesto Seis do Nadal organizará nesta nova tempada 2010/2011 o I Clínic de Baloncesto 2010 dirixido a técnicos, adestradores e monitores o próximo sábado día 28 de agosto do 2010 no Colexio Celso Emilio Ferrerio.

.

Seguindo a liña de actuación no ámbito deportivo das pasadas campañas, o club adica os primeiros meses de cada tempada á formación constante e continua dos técnicos e monitores da entidade, e dos adestradores vigueses e galegos en xeral. Nas pasadas tempadas o club olívico organizaba diversas charlas fomativas nos meses de agosto e setembro sendo a presente tempada 2010/2011 a primeira que o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia organice un Clinic de Baloncesto.

.

Os ponentes do I Clinic de Baloncesto do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia que se celebrará o próximo sábado 28 de agosto do 2010 serán César Iglesias, Félix Muñoz e Quino Salvo, os tres Adestradores Superiores de Baloncesto cunha contrastada experiencia no deporte da canastra; así como Pablo Sánchez, Preparador Físico do Seis do Nadal - Coia e Licenciado en INEF.

.

O I Clinic de Baloncesto comezará as 10:00 horas no Colexio Celso Emilio Ferreiro en Coia, hora na que se fará entrega da documentación das formacións. A temática que se tratará durante a xornada da mañá sera a "Construcción defensiva" que será exposta en dúas charlas prácticas de máns de César Iglesias e Félix Muñoz.

.

Na xornada da tarde, os asistentes poderán presenciar dúas ponencias, tamén prácticas, que se centrarán en "Conceptos de ataque ante defensas zonais" e "Novas tendencias no quecemento e na volta á calma en formación", que serán tratadas por Quino Salvo e Pablo Sánchez respectivamente.

.

Escola Galega de Adestradores

.

A asistencia a este I Clinic de Baloncesto do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia establece un ano máis outro aliciente formativo con múltiples coñecementos que se exporán sobre a pista. Así, a participación no mesmo validarase como 6 horas de formación práctica para os alumnos dos cursos de Nivel 1 e Nivel 2 da Escola Galega de Adestradores de Baloncesto da Federación Galega de Baloncesto.

.

Inscrición

.

O I Clinic de Baloncesto é unha actividade gratuíta e aberta a tódolos adestradores interesados en asistir. Tódolos aqueles técnicos interesados en formar parte desta actividade formativa deberán enviar un correo electrónico co seu nome e apelidos así como o clube ou entidade ao que pertencen ao seguinte enderezo: baloncestoseisdonadalcoia@gmail.com.

"XXII CLÍNIC DEPUTACIÓN OURENSE" CON XAVI PASCUAL - 26 E 27 DE XUÑO

.

Os próximos 26 e 27 de xuño do 2010 o Pazo dos Deportes "Paco Paz" acollerá o XXII Clinic Deputación Ourense que organizará a Deputación de Ourense, e na que colaborará a Federación Galega de Baloncesto.

.

O decano dos Clínics de adestradores/as en España, o Clínic de Baloncesto Deputación de Ourense celebra o vindeiro mes de xuño a súa XXII edición con dous convidados de excepción: o actual adestrador do Regal F.C. Barcelona, Xavi Pascual, e o seu axudante, Ínigo Zorzano.

.

Ambos adestradores conformarán durante dous días, 26 e 27 de xuño, un clínic monográfico que recollerá o estilo, a filosofía e os diferentes conceptos de xogo do Regal F.C. Barcelona. Trátase dunha oportunidade de luxo para poder absorber as experiencias e coñecementos de dous dos máis destacados profesionais do actual baloncesto de elite,

.

Tódolos adestradores/as que desexen aproveitar esta nova e atractiva edición do clínic que ofrece a Deputación de Ourense poderán facelo baixo unha cota de inscrición xeral de 60 € ou de 40 € se acreditan a súa residencia na provincia de Ourense ou pertencen a un club que inscriba a cinco adestradores (catro cotas máis unha gratis).

.

Os trámites pertinentes para formular unha inscrición poden realizarse a través de www.clinicourense.com, a páxina web oficial que a Deputación habilita para a actividade e que oferta, ademais, completa información sobre a mesma.

.

A asistencia a este XXII Clinic Deputación Ourense establece por segundo ano consecutivo outro aliciente formativo ademais dos múltiples coñecementos que se exporán sobre a pista. Así, a participación no mesmo poderase validar como horas de formación práctica para os alumnos dos cursos de Nivel 1 e 2 da Escola Galega de Adestradores de Baloncesto.

GRAN REPRESENTACIÓN DO SEIS DO NADAL NO II CLINIC DO PORRIÑO BALONCESTO CON MIKE SCHAUER

.

.

 

(Os adestradores e adestradoras do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia con Mike Schauer e con tódolos seus xogadores)

..

O pasado luns 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Porriño Baloncesto Base en colaboración co Concello de O Porriño, organizou o II Clínic PBB, que contou como conferenciante con Mike Schauer, adestrador xefe do equipo masculino da Universidade de Wheaton Collegue (NCAA, Div III).

.

A visita deste equipo americano está englobada dentro das actividades do Tour Solidario Sport+ que organiza Atletas en Acción e que comezou o 11 de maio en Cataluña. A xira está facendo escala en Galicia, concretamente, nas localidades de O Porriño e Marín..

.

A temática elixida para a conferencia técnica foi a Defensa Presionante Home a Home de Wheaton College. A estrutura da charla consistiu nunha explicación teórico-práctica sobre a pista, onde a través dunha decena de exercicios executados polos xogadores, o adestrador Mike Schauer, axudándose dun traductor, explicou a construcción desta defensa.

.

O Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia tivo unha extensa representación neste II Clinic PBB de Mike Schauer. Un total de sete adestradores e adestradoras asistiron ao clinic e puideron compartir impresións e experiencias co adestrador principal Mike Schauer e cos seus xogadores.

II CLINIC DO PORRIÑO BALONCESTO CON MIKE SCHAUER, ADESTRADOR DA WHEATON COLLEGE (NCAA)

.

O próximo luns 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Porriño Baloncesto Base en colaboración co Concello de O Porriño organizará o II Clinic PBB, que contará como conferenciante con Mike Schauer, adestrador xefe do equipo masculino da Universidade de Wheaton College (NCAA, Div III), que visitará O Porriño durante o 17 e 18 de maio.

.

A visita deste equipo americano está englobada dentro das actividades do Tour Solidario Sport+ que organiza Atletas en Acción España e que xa comezou o 11 de maio en Cataluña. A xira fará escala en Galicia, concretamente, nas localidades de O Porriño e Marín.

.

O Tour Solidario Sport+ está coordinado por Atletas en Acción España e o seu principal obxectivo é desenvolver conciencia das necesidades existentes na actualidade e recaudar axuda para proxectos de desenvolvemento en Haití a través de Gain (ONG internacional) e tamén para Samaritan´s Feet (ONG internacional moi vinculada ao baloncesto que persegue levar calzado a millóns de rapaces e adultos). Tódalas actividades que se realizarán terán un pleno desinterés solidario.

.

Esta visita será a segunda que realice Wheaton Collegue, universidade fundada en 1860 a uns 45 kilómetros ao Oeste de Chicago (llinois) e que conta con máis de 3.000 alumnos, ao noso país xa que a primeira tivo lugar fai case unha década; nesa ocasión, a xira estendeuse por Cataluña, a Comunidade Valenciana e Andalucía, enfrontándose a equipos de primeiro nivel nacional como Valladolid, Girona, Unicaja Málaga, Real Madrid ou Baloncesto Zaragoza.

.

.

O Clinic do Porriño Baloncesto Base (conferencia técnica) será unha actividade gratuita e aberta a tódolos adestradores/as e técnicos/as interesados en asistir. O comezo da charla está previsto para as 19:00 horas no Pavillón Municipal de O Porriño.

.

A temática elixida para a conferencia técnica será a Defensa Presionante Home a Home de Wheaton College. A estrutura da charla consistirá nunha explicación teórico-práctica sobre a pista, onde a través dunha decena de exercicios executados polos xogadores, o adestrador Mike Schauer, axudándose dun traductor, explicará a construcción desta defensa.

.

Posteriormente, sobre as 20:30 horas, tódolos asistentes á conferencia poderán presenciar un adestramento do equipo de baloncesto de Wheaton College. Mike Shauer foi un destacado xogadora da Universidade de Wheaton College e trala súa graduación en Comunicacións no ano 93, exerceu de técnico axudante en Wheaton ata o ano 2007.

.

Tras esta experiencia inicial comezou a súa carrera como adestrador xefe en Easter College onde exerceu durante dúas tempadas. O seguinte paso na súa carreira foi o conxunto da universidade de Gordon College (Wenham, Massachussets). En sete tempadas de Gordon, Schauer, conseguiu transformar un programa que soamente lograra cinco tempadas gañadoras en trinta anos, nun programa que alcanzou sete campañas gañadoras consecutivas.

.

Ademais na tempada 2005/2006 Gordon College participou, por primeira vez na súa historia, no Torneo da NCAA División III, finalizando dita campaña cun balance récord de 25 a 5 e proclamándose campión da Commonwealth Coast Conference. Esta tempada Mike foi recoñecido como o "adestrador do ano" en dita conferencia.

.

.

Desde abril de 2009, Mike Schauer exerce como adestrador do Wheaton College e pechou a primeira das tempadas cun balance récord de 19-9, o que significa o mellor récord dun adestrador debutante na historia da universidade. Neste ano ademais de avanzar cos "Thunder" ata a Segunda Ronda do Torneo NCAA División III, Mike Schauer foi co-elixido como "mellor adestrador do ano" por la Illinois Basketball Coaches Association.

.

Tódalas actividades encadradas neste Tour Solidario Sport+ as podedes consultar pulsando no cartel do evento publicado ou pulsando aquí.

PABLO SÁNCHEZ NO III CONGRESO INTERNACIONAL DAS CIENCIAS DO DEPORTE E DA EDUCACIÓN FÍSICA

.

Os días 6, 7 e 8 de maio do 2010 celebrouse na cidade de Pontevedra o III Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e da Educación Física, sendo a Sexta Edición do Seminario Nacional de Nutrición, Medicina e Rendemento Deportivo.

.

O Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia estivo presente neste congreso representado por Pablo Sánchez, adestrador e Preparador Físico da nosa entidade, asistente ao mesmo e poñente dunha comunicación.

.

Na comunicación presentada baixo o nome de "Calentamiento dinámico en categorías formativas. Protocolo de actuación do Club Baloncesto Seis do Nadal", Pablo Sánchez, Preparador Físico da entidade, explicou o traballo físico que, nesta nova tempada 09/10, desenvolven os nosos xogadores e xogadoras.

.

Podedes acceder á comunicación pulsando na imaxe anterior da comunicación ou pulsando aquí.

SERGIO GONZÁLEZ, PONENTE DO SEGUNDO CONGRESO GALEGO DE BALONCESTO 2010 DA FGB

.

.

.

Os pasados días 15 e 16 de marzo tivo lugar o II Congreso Galego de Baloncesto en Oleiros (nas dependencias do INEF) organizado pola Federación Galega de Baloncesto.

.

Sergio González, Director Deportivo e adestrador do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, foi un dos ponentes deste II Congreso Galego de Baloncesto. O protagonista da ponencia de Sergio González foi o Deporte en Idade Escolar, e a "Optimización dos recursos no Seis do Nadal".

.

O luns 14 de marzo en horario de tarde o protagonismo foi para a Promoción do Deporte en idade Escolar. Nesta sección, os representates do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia e Universitario de Ferrol foron os encargados de afondar no seu programa e ideario para traballar na promoción desta área do baloncesto.

.

Leopoldo Ibáñez, directivo do Universitario de Ferrol, remarcou a necesidade de que "o Deporte Escolar se fomente desde o propio centro escolar. Que se dinamice desde dentro".

.

Pola súa parte, Sergio González, Director Deportivo do Seis do Nadal, explicou con claridade todas as áreas de traballo que o club vigués desemprega para o fomento do Deporte Escolar, algo que implica "moito máis que baloncesto".

.

Grazas á colaboración da Universidade de A Coruña e da man de diferentes profesionais do Baloncesto e da vida deportiva de Galicia, a Federación Galega de Baloncesto reuniu no Salón de Actos do INEF a un total de 100 participantes.

.

Tódolos inscritos tiveron a oportunidade de escoitar e debater cun conxuto de relatores moi implicados co Baloncesto e as suás diferentes áreas. Colaboraron nesta actividade formativa destacados profesionais como son o ferrolán Antonio Pérez, adestrador do Leyma Básquet Coruña, ou o prestixioso Catedrático de Psicoloxía Deportiva da Universidade Autónoma de Barcelona, Jaume Cruz Feliu. Eles estiveron acompañados por unha completa lista de destacados traballadores a prol do basket da nosa Comunidade como é o caso do Director Deportivo do Club Baloncesto Seis do Nadal, Sergio González.

.

O programa deste II Congreso do Baloncesto Galego outorgou unha nova oportunidade de reflexionar sobre o Baloncesto de hoxe en día, tanto en apartados xerais coma en puntos concretos do traballo dos adestradores.

A FGB PON EN MARCHA A SEGUNDA EDICIÓN DO CONGRESO GALEGO DE BALONCESTO NO MES DE MARZO

.

Co obxectivo de ofrecer unha nova situación na que debater sobre a realidade actual do baloncesto, a Federación Galega de Baloncesto, en colaboración coa Universidade de A Coruña, organiza o II Congreso Galego de Baloncesto.

.

Os vindeiros días 15 e 16 de marzo, nas dependencias do INEF de A Coruña, xuntaranse diferentes profesionais do mundo do Baloncesto e do Deporte en xeral que repasarán varias áreas temáticas de actualidade.

.

A actividade iniciarase o luns día 15 cunha mesa redonda sobre o baloncesto feminino en Galicia. Nesta estarán implicados os directivos de diferentes entidades adicados en exclusiva a esta categoría. Así, daranse cita o directivo e fundador do C.D. Ensino, Fernando Fernández Allende, os directivos do C. B. Pontumio, Armando e Luis Otero Roberes, e por parte do C.B. Femenino Sil, José Luis Gómez Álvarez.

.

Posteriormente, o II Congreso de Baloncesto Galego contará tamén coa presenza do destacado Catedrático de Psicoloxía da Universidade Autónoma de Barcelona e Director do Máster en Psicoloxía desta institución, Jaume Cruz Feliu. Os "Estilos de Comunicación dos Adestradores" protagonizarán a súa comunicación, tras a cal realizarase un xantar de traballo.

.

A quenda vespertina virá determinada pola Promoción do Deporte en Idade Escolar. Neste caso, a FGB conta coa colaboración do Secretario Xeral para o Deporte, Jose Ramón Lete, quen encabezará as ponencias sobre esta temática.

.

Tras a súa intervención terán oco os relatos do directivo do CB Universitario de Ferrol, Leopoldo Ibáñez, así como do Director Deportivo do C.B. Seis do Nadal - Coia, Sergio González.

.

Sergio González, Director Deportivo e adestrador do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, será un dos ponentes deste novo Congreso do Baloncesto Galego na área temática da Promoción do Deporte en Idade Escolar. A súa ponencia versará sobres a "Optimización dos recursos no deporte escolar".

.

O II Congreso de Baloncesto celebrará o día 16 de marzo a súa segunda xornada que contará coa participación do adestrador do Básquet Coruña, Antonio Pérez, e do profesor de Baloncesto da Facultade de Ciencias do Deporte da UDC, Antonio Montero.

.

As intervencións, que xirarán en torno ao adestramento por obxectivos e o adestramento do lanzamento, respectivamente, virán precedidas pola exposición dunha serie de traballos realizados con respecto ao Congreso e cuxa presentación a concurso está aberta a todo aquel que o desexe.

.

Os interesados en formalizar a súa inscrición neste Congreso Galego de Baloncesto poderán facelo, antes das 12:00 horas do día 8 de marzo, achegando o formulario de inscrición por mail (eventos@fegaba.com), fax (981566066) ou en persoa á Federación Galega de Baloncesto.

.

A participación neste II Congreso será de balde, desfrutando ademais, os 100 primeiros inscritos, dun xantar gratuíto.

.

A asistencia á primeira xornada completa deste II Congreso poderá validarse como 8 horas de formación continua para os alumnos da Escola Galega de Adestradores que se atopen realizando os cursos de Nivel 1 e Nivel 2.

XOGADORES DO CLUB NO "TORNEO DE SELECCIÓNS AUTONÓMICAS INFANTÍS MASCULINAS" DE ALLARIZ

O Concello de Allariz e a Federación Galega de Baloncesto organizarán os próximos días 5, 6 e 7 de decembro do 2009 o "Torneo das Seleccións Autonómicas", torneo que se vai celebrar por segundo ano consecutivo na vila alaricana.

No torneo participarán as Seleccións Galegas de categoría Cadete Feminina e Infantil Masculina, así como tamén os combinados destas categorías das Comunidades Autónomas de Euskadi, Asturias e Castela e León.

O club Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia tamén estará presente neste "Torneo das Seleccións Autonómicas" posto que formán parte do combinado da Selección Galega Infantil Masculina: Jorge Cabaleiro (1996), David Gómez (1996) e José Paz (1996), xogadores os tres do Infantil Masculino "A", Mondariz Seis do Nadal, adestrados por Sergio González e Diego Montenegro.

A competición que se disputará nas instalacións do Pavillón Municipal servirá como pedra de toque de cara a próxima celebración, en poucas datas, do Campionato de España de Seleccións Autonómicas, que se disputará en Zaragoza entre os días 4 e 10 de xaneiro do 2009.

O Torneo de Seleccións non cederá só o protagonismo ao Baloncesto en cancha. Por iso, e como actividade paralela aos encontros, celebrarase unha interesante charla, impartida polo Responsable do Gabinete de Orientación Psicolóxica da Federación Galega de Baloncesto, Pelayo Suárez, na que se tratarán as "Variables Psicolóxicas no Deporte".

A asistencia e participación a esta charla, que terá lugar o domingo día 6 de decembro ás 20:30 horas no fogar do maior, poderá ademais convalidarse por unha hora de formación continua para todos aqueles adestradores/as e técnicos/as que cursaron os cursos da Escola Galega de Adestradores nos anos 2008 e 2009 (Nivel 1, Nivel 2 e Superior).

I CLINIC DE ADESTRADORES DO PORRIÑO BALONCESTO BASE

O próximo domingo 27 de setembro do 2009 se celebrará como actividade paralela á celebración da XXIV Copa Galicia Sénior Masculina o I Clinic de Adestradores organizado polo Porriño Baloncesto Base.

Esta Primeira Edición do Clinic de Adestradores PBB contará cos seguintes conferenciantes: Curro Segura (Adestrador do Xacobeo Blu:Sens de Liga ACB), Manolo Povéa (Adestrador do Géstibérica Vigo) e Carlos Colinas (Director Deportivo do R.C. Celta e Seleccionador Español Sub-18 Feminino).

Durante a mañá da xornada do domingo, entre as 10:00 e as 14:00 horas, terán lugar as ponencias dos tres adestradores nas instalacións do Pavillón Municipal de O Porriño. Xa está aberto o prazo de inscrición e a cuota é de 10 euros.

A organización do Clínic oferta un Bono de Asistencia que inclúe ademais da cuota de inscrición do Clinic, a reserva de localidades para tódolos encontros da Copa Galicia, a cena do sábado, o almorzo e o xantar do domingo, e o aloxamento para a noite do sábado.

Todos aqueles adestradores, técnicos e interesados en asistir a este evento deben formalizar a inscrición cumprimentando o formulario de inscrición e enviando o xustificante do ingreso.

Máis información pulsando aquí.

NOVO ÉXITO NA TERCEIRA E ÚLTIMA XORNADA DO CICLO DE CHARLAS FORMATIVAS PARA ADESTRADORES

 

 

 

Seguindo a liña de actuación no ámbito deportivo das pasadas campañas, o Club Baloncesto Seis do Nadal organizou novamente un ciclo de charlas técnicas formativas dirixidas a técnicos, adestradores e monitores no inicio da presente tempada 2009/2010.

O pasado sábado día 5 de setembro ás 17:00 horas no Colexio Seis do Nadal tivo lugar a terceria, e última, das xornadas deste ciclo formativo con dúas novas charlas.

Na primeira charla desta terceira xornada Pelayo Suárez, membro do corpo técnico e psicólogo do Celta Indepo así como psicólogo deportivo da Área Deportiva da Federación Galega de Baloncesto, explicou que é e cales son as funcións da psicoloxía deportiva, cales son as variables psicolóxicas de maior importancia que inflúen no deporte da canastra e como traballalas e reforzalas.

 

A segunda charla técnica foi impartida por Jorque Marqués, árbitro galego que acadou este ano a internacionaliade no baloncesto en cadeira de rodas, e abordou os erros máis comúns de regulamento que os adestradores e adestradoras cometen nos encontros durante a competición.

Esta terceira xornada, coa que se pechaba o ciclo de charlas formativas, dirixida a adestradores e adestradoras organizada polo Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, coa psicoloxía e o arbitraxe coma os contidos principais, tivo novamente unha gran aceptación e acollida, reunindo nas pistas do CEIP Seis do Nadal a 25 técnicos e adestradores.

Un ano máis o ciclo de charlas formativas para adestradores e adestradoras organizado polo Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia no inicio da campaña, remata conseguindo en cada unha das xornadas celebradas unha gran acollida e un gran éxito formativo para os asistentes ás mesmas.

PELAYO SUÁREZ E JORGE MARQUÉS INVITADOS DA TERCEIRA XORNADA DO CICLO DE CHARLAS FORMATIVAS

Despois da gran acollida e do gran éxito que tiveron as dúas primeiras xornadas do ciclo de charlas formativas para adestradores e monitores desta tempada 2009/2010, o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia organizará o próximo sábado día 5 de setembro a terceira acción formativa.

Nesta terceira e última xornada do ciclo de charlas formativas, con data de celebración o próximo sábado 5 de setembro, psicoloxía deportiva e arbitraxe serán os contidos principais a tratar nas dúas charlas planificadas.

A primeira das charlas desta segunda xornada será dirixida por Pelayo Suárez, psicólogo deportivo do R.C. Celta Indepo de Liga Feminina e da área de Seleccións Galegas. Nesta primeira charla da xornada abordarase a importancia que ten a psicoloxía deportiva no baloncesto.

"PSICOLOXÍA DEPORTIVA NO BALONCESTO"

Día e Hora: SÁBADO 5 DE SETEMBRO, ás 17:00 h.

Lugar: COLEXIO SEIS DO NADAL (COIA)

Conferenciante: PELAYO SUÁREZ

A segunda das charla, baixo o título "Erros máis comúns de regulamento", versará sobre os erros e as confusións máis comúns que os adestradores e adestradoras cometen con respecto ao regulamento de xogo. Jorge Marqués, árbitro galego e árbitro internacional de baloncesto en cadeira de rodas, será o encargado de aclarar e explicar estes erros máis comúns dos adestradores e adestradoras.

"ERROS MÁIS COMÚNS DE REGULAMENTO"

Día e Hora: SÁBADO 5 DE SETEMBRO, ás 19:00 h.

Lugar: COLEXIO SEIS DO NADAL (COIA)

Conferenciante: JORGE MARQUÉS

Os contidos destas charlas de formación estarán orientados fundamentalmente á realidade técnica e deportiva do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, máis a entrada e asistencia é libre e poderán participar nelas tódalas persoas interesadas nas mesmas.

Tódolos adestradores e adestradoras que cursaron os Cursos de Adestrador Nivel 1 e Nivel 2 poderán compulsar horas de formación coa asistencia a estas charlas formativas.

NOVO ÉXITO DA 2ª XORNADA DO CICLO DE CHARLAS FORMATIVAS ORGANIZADO POLO NOSO CLUB

Seguindo a liña de actuación no ámbito deportivo das pasadas campañas deportivas, o Club Baloncesto Seis do Nadal está organizando novamente un ciclo de charlas técnicas formativas dirixidas a técnicos, adestradores e monitores no inicio da presente tempada 2009/2010.

O pasado sábado 22 de agosto ás 17:00 horas no Colexio Seis do Nadal tivo lugar a segunda das xornadas deste ciclo formativo con dúas novas charlas.

Na primeira charla desta segunda xornada Mónica Vázquez, fisioterapeuta e colaboradora do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, explicou as lesións máis comúns no baloncesto, os primeros auxilios a realizar na pista, e os vendaxes funcionais.

A segunda acción formativa foi impartida por Jaime Timiraos, adestrador do club Básquet Coruña e profesor dos Cursos de Adestrador de Nivel 1 e de Nivel 2, e abordou a metodoloxía do adestramento a través dunha breve introducción teórica e da posterior posta en práctica dunha sesión de adestramento cun dos nosos equipos do club.

Esta segunda xornada do ciclo de charlas formativas dirixida a adestradores e adestradoras organizada polo Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, coa fisioterapia e a metodoloxía coma os contidos principais, tivo novamente unha gran aceptación e acollida, reunindo nas pistas do CEIP Seis do Nadal ao redor de 25 técnicos e adestradores.

En próximas actualizacións publicarase nesta páxina web a información da terceira das xornadas do ciclo de charlas formativas que terá lugar o próximo sábado 5 de setembro.

MÓNICA VÁZQUEZ E JAIME TIMIRAOS, INVITADOS DA SEGUNDA XORNADA DO CICLO DE CHARLAS FORMATIVAS

Despois da gran acollida e do éxito que supuxo a primeira xornada do ciclo de charlas formativas para adestradores e monitores desta tempada 2009/2010, o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia organizará o próximo sábado día 29 de agosto a segunda acción formativa.

 

Nesta segunda xornada do ciclo de charlas formativas, con data de celebración o próximo sábado día 29 de agosto, vendaxes, primeros auxilios e metodoloxía serán os contidos a tratar nas dúas charlas planificadas.

A primeira das charlas desta segunda xornada será dirixida por Mónica Vázquez, fisioterapeuta e colaboradora do Club Baloncesto Seis do Nadal. Nesta primeira charla abordaranse, entre outros bloques, os vendaxes funcionais e os primeiros auxilios a realizar na pista.

"VENDAXES FUNCIONAIS E PRIMEIROS AUXILIOS"

Día e Hora: SÁBADO 29 DE AGOSTO, ás 17:00 h.

Lugar: COLEXIO SEIS DO NADAL (COIA)

Conferenciante: MÓNICA VÁZQUEZ

A segunda charla abordará a "Metodoloxía do adestramento" e Jaime Timiraos, adestrador superior do Básquet Coruña e profesor dos Cursos de Adestrador Nivel 1 e Nivel 2, será o adestrador encargado de dirixila. A través dunha introducción teórica e da posterior posta en práctica tratará de transmitir a metodoloxía a seguir nunha sesión de adestramento.

"METODOLOXÍA DO ADESTRAMENTO"

Día e Hora: SÁBADO 29 DE AGOSTO, ás 19:00 h.

Lugar: COLEXIO SEIS DO NADAL (COIA)

Conferenciante: JAIME TIMIRAOS

Os contidos destas charlas de formación estarán orientados fundamentalmente á realidade técnica e deportiva do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, máis a entrada e asistencia é libre e poderán participar nelas tódalas persoas interesadas nas mesmas.

Tódolos adestradores e adestradoras que cursaron os Cursos de Adestrador Nivel 1 e Nivel 2 poderán compulsar horas de formación coa asistencia a estas charlas formativas.

GRAN ACOLLIDA DA 1ª XORNADA DO CICLO DE CHARLAS FORMATIVAS ORGANIZADO POLO NOSO CLUB

 

 

 

 

 

Seguindo a liña de actuación no ámbito deportivo das pasadas campañas deportivas, o Club Baloncesto Seis do Nadal organiza novamente un ciclo de charlas técnicas formativas dirixidas a técnicos, adestradores e monitores no inicio da presente tempada 2009/2010.

 

As dúas primeiras charlas deste novo ciclo de formación para adestradores tiveron lugar o pasado sábado 22 de agosto ás 17:00 horas no Colexio Seis do Nadal.

Nesta primeira xornada os técnicos e adestradores asistentes recibiron dúas accións de formación. Na primeira charla César Iglesias, adestrador actual do Beirasar Rosalía de LEB Plata, abordou os seus principais conceptos ofensivos no xogo por espazos, explicando a súa experiencia da pasada tempada 2008/2009.

A segunda charla impartida por Pablo Sánchez, Preparador Físico do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia,  versou sobre as funcións e o desarrollo da velocidade nas categorías de formación. Despois dunha introducción teórica á capacidade básica, Pablo Sánchez explicou de xeito práctico exercicios e actividades para traballar a velocidade e os seus tipos.

Esta primeira xornada do ciclo de charlas formativas para adestradores e adestradoras organizada polo Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, coa táctica ofensiva e a preparación física como contidos principais, tivo unha gran aceptación e acollida, reunindo nas pistas do CEIP Seis do Nadal a máis de 30 técnicos e adestradores.

En próximas actualizacións publicarase nesta páxina web a información da segunda das xornadas do ciclo de charlas formativas que terá lugar o próximo sábado 29 de agosto.