Durante o mes de setembro, adicado especialmente aos adestradores e adestradoras do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, a Dirección Deportiva está organizando unha serie de charlas técnicas como formación complementaria para tódolos técnicos da entidade, xa que eles e elas son un dos pilares fundamentais na estrutura do noso club, e da súa formación se nutren e aproveitan tódolos nosos deportistas e escolares.
A segunda xornada destas charlas de formación transcorreu na mañá do sábado 13 de setembro no CPI Celso Emilio Ferreiro. O protagonista nesta ocasión foi Ángel Navarro, adestrador de baloncesto cunha longa experiencia, quen explicou a súa idea sobre o "Traballo de Técnica Individual en categorías de formación".
Nesta charla Ángel Navarro centrou os contidos da exposición en dous pilares fundamentais que foron os movementos e accións do xogador sen balón e un segundo bloque que abarcou o traballo de recepcións.
Durante a exposición técnica os adestradores e adestradoras asistentes puideron observar como a teoría exposta por Ángel Navarro foi practicada polo grupo Infantil Masculino "A", equipo que aproveitou a experiencia de poder realizar unha sesión de adestramento das máns deste experimentado adestrador.
Esta segunda xornada das charlas de formación desenvoltas polo Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia volveu a repetir a espectación coa que foi acollida a primeira xornada. Un extenso grupo de técnicos da entidade, en total máis de 20 adestradores e adestradoras, aproveitou as ensinanzas teóricas e tamén as aplicacións prácticas que Ángel Navarro preparou para a súa exposición.








