domingo, 10 de agosto de 2008

ESPAÑA DEBUTA CON AUTORIDADE ANTE GRECIA NOS JJ.OO. DE PEKÍN

Ofrecendo unha gran imaxe e dando mostras de parte do seu potencial a Selección Española Masculina derrotou a Grecia (81-66) na xornada inaugural do torneo masculino de baloncesto dos Xogos Olímpicos de Beijing 2008.

Aíto non saíu de partida co hipotético mellor quinteto posible e decidiu botar man das rotacións e ir combinando aos máis novos cos máis experimentados. De feito, Pau Gasol comezou o partido desde o banquillo. Aínda que a estratexia deu resultado, haberá que ver qué tal funciona contra equipos que ofrezan unha maior resistencia.

Na primeira parte os dous equipos mostráronse cautos e non arriscaron demasiado e, a pesar diso, os españois foron diante no marcador ao longo de todo o partido. Tamén é certo que daba a impresión de que os helenos serían capaces de darlle a volta ao encontro en calquera momento. Tralo descanso as cousas cambiaron radicalmente e o combinado español saíu con ganas de sentenciar o partido o antes posible e, de paso, demostrar ao resto dos equipos que compiten en Pekín o seu desexo de gañar unha medalla.

Os de Aíto resolveron o partido no terceiro cuarto baseándose nunha defensa impecable e unha efectividade nos tiros libres que contrastou co baixo porcentaxe dos gregos desde a liña de tiros libres. Un parcial de 27-17 foi suficiente para sentenciar o partido. Xa no último cuarto os helenos melloraron o seu xogo e intentaron a remontada chegando a recortar moita distancia e incluso a poñerse a 10 puntos. Sen embargo, a Selección Española xogou cunha gran tranquilidade os últimos intres do encontro conseguindo a vitoria.

Con esta vitoria España comeza con bo pé a súa andadura nos Xogos Olímpicos. Posiblemente arrancan no torneo cun partido que pode resultar enganoso xa que os gregos, pese a ser un equipo temible, non mostraron hoxe a súa mellor cara e sería un erro confiarse ante a cómoda actuación e ampla diferenza no resultado. China será este martes 12 de agosto (10:45 h., TVE) o segundo rival de España nestes Xogos Olímpicos de Pekín.

Os resultados desta primeira xornada masculina foron:

GRUPO A:

Rusia 71 - Irán 49

Lituania 79 - Arxentina 75

Australia 82 - Croacia 97

GRUPO B:

Alemania 95 - Angola 66

España 81 - Grecia 66

USA 101 - China 70